P66 – Oh! Ayatollah: Volve a canción protesta.

 

Nuno Pico volve á súa casa, Burela, para apresentar á nosa audiencia o novo disco dos Oh! Ayatollah: Volve a canción protesta. Pasaron só dous anos e medio desde que aquel grupo de amigos se xuntou un día para tocar e divertirse, pero Oh! Ayatollah xa se está a converter nun dos grupos pop de referencia do noso país. Este venres presentaron este traballo na Sala Capitol de Compostela, nun concerto que será recordado por reunir varios dos mellores grupos galegos do momento.
 
Se tiveren tanta curiosidade como nós por saber de onde veñen e a onde van os Oh! Ayatolla, convidámolos a ouvir esta entrevista da man de Marco Pereira, Edilson Sanches e, desde o control técnico, Matías Nicieza.
 

Nuno Pico, moi boa tarde!

Boa tarde!
 

Moitas grazas por atendernos nun día tan especial como hoxe.

Grazas a vós.
 

Escoiten o que nos di Daniel Salgado no Sermos Galiza:
 

«Son un dos segredos mellor gardados do pop galego. Ou non tan gardados: desde hai algo máis de dous anos, Oh Ayatollah prodíganse polo país. Mais esta sexta feira, estrean o seu primeiro disco longo, Volve a canción protesta, arroupados pola plana maior da escena na Sala Capitol de Compostela»
 

Parabéns, antes de máis nada!

Moitas grazas!
 

A primeira pregunta é obvia: Sala Capitol, a que hora é o concerto?

Ás 9:30 h.
 

Quen será esa plana maior acompañante?

A verdade é que moita xente; estamos moi contentos. Queremos facer un formato dinámico, de festa,con presentador.  Contamos cuns cantos grupos tocan un par de temiñas, como Ataque Escampe, baixo o nome de Guateque Escampe; Familia Caamagno, como Muebles Mendoza; The Homens, como The Oh! Mens); e Atrás Tigre, como Arre León. Despois diso, imos nós.

 

Que nivel!

Estamos moi felices de que toda esa xente puidese vir tocar connosco porque son xente que escoitamos desde o instituto. O simple feito de pensar que poderíamos estar a tocar con eles xa era unha loucura, mais que sexa real aínda nos custa crelo. Até estarmos alí non imos asimilalo moi ben.

 

Imaxino que si, mais aí está: o soño fíxose realidade.

Tal cal!

 

Nuno, boa tarde! Preséntanos os compoñentes da banda e explícanos de que se ocupa cada un deles.

A batería tócaa Simón, que é un rapaz de Lugo; a guitarra, Anaís; na outra guitarra temos a Xoel, que coñeceredes aí; no baixo está André e eu son Nuno, que canto e toco o teclado.
 

Presentada a banda, cóntalle á nosa audiencia cal é a vosa traxectoria nestes tres últimos anos.

Comezamos en outubro-novembro de 2015, hai xa case dous anos e medio. Un pouco como todos os grupos, a intención inicial era xuntármonos os catro amigos que eramos entón nun local de ensaio que tiñamos preto das Cancelas, para tocar sen máis pretensións. Naquela altura mudabamos bastante a formación: eu tocaba a batería, Simón o baixo… variaba bastante. Foi en 2016 cando comezamos a levalo un pouco máis en serio e a tocar por aí adiante. A cousa ía ben, fixemos a nosa primeira demo e tivo unha resposta da cal estamos moi contentos. Grazas a ela Hevi contou connosco e a partir de aí fomos crecendo pouquiño a pouquiño todos estes anos, tocando moito, ensaiando moito e facendo o que se pode. O día de hoxe é a culminación deses dous anos e medio de traballo, pois presentamos un disco onde están recollidas as mellores cancións que fixemos neste tempo, segundo o noso criterio, cunha produción que nos agrada moito. Agora imos ver cal vai ser o resultado.
 

Imaxinamos que será un moi bo resultado, sinceramente.

Iso esperamos nós tamén.

 

Cal é o contido do Volve a canción protesta?

Depende moito de cada quen, cada persoa que o escoite tirará as súas propias conclusións. Para nós, o contido son 9 cancións que decidimos reunir baixo a denominación de pop, un pop guitarreiro tirando á New Wave ou ao Post Punk, que é o tipo de música que a nós máis nos gusta. Son cancións que reflicten nas letras o que é a nosa vida diaria.

Realmente, falar do contido é como falar dun fillo: só lle ves cousas boas. Eu diría que é un disco pop, mais convidaría toda a xente a que exprese por si mesma o que significa para ela.

 

Agora queremos que nos fales da edición do disco. Onde se gravou?

Gravouse no estudio que ten Hevi en Santiago, que alén de ser o front de grupos que xa teñen un éxito considerábel a nivel galego e estatal, como Malandrómeda e Fluzo, tamén é o produtor de Novedades Carminha. Foron bastantes días de traballo, dúas semanas enteiras a xornada completa no mes de xullo, e estamos moi felices polo resultado e por contar con Hevi, profesionalmente e como amigo. Despois diso houbo que resmasterizalo, que sempre é un proceso máis longo do que se pensa, e hoxe presentamos a edición física en vinilo.
 

Pois moita sorte! Outra cousa que temos que ter en consideración é que o apoio audiovisual foi moi importante para a difusión da vosa obra. Quen vos fixo os videoclips?

Fixéronos todos Xaime e Antón Miranda. É certo que somos un grupo que depende moito do audiovisual, no sentido de que moita xente non nos coñecería sen os videoclips de Xaime e Antón. Pode parecer un trámite dicilo, mais é certo: estamos encantados. O Xaime faláranos en 2016 para gravar un vídeo a partir dunha idea que se lle ocorrera. Probamos a gravar dúas tardes en Santiago e finalmente foi o gañador do premio ao mellor videoclip do Festival de Cans do ano pasado. A partir diso, seguimos traballando con el. Estamos aínda pendentes de filmar un novo vídeo, o segundo adianto deste disco.

Temos moita sorte coa xente coa que traballamos, e iso nótase. Estamos todos en sintonía e estamos a obter resultados moi positivos.
 

Cóntanos, quen son os irmáns Miranda?

Son dous rapaces de Cervo, do concello do lado. Xa teñen unha traxectoria interesante, a pesar da idade. Gañaron xa dúas veces o Festival de Cans; a primeira vez cun vídeo de Mequetrefe, hai 3 ou 4 anos, e o segundo cun noso. Están traballando noutras cousiñas que irán saíndo e que xa vos adianto que vos van gustar, xa que son persoas con moito talento.
 

Cales son as vosas grandes referencias musicais e que hai delas neste traballo?

É unha pregunta complicada. Un sempre tende a responder con nomes de grupos que lle gustan, mais que poden non ter tido tanta influencia no grupo como tal. Se lle preguntas a Simón, a Luís ou a min, vas ter tres ou catro referencias totalmente diferentes unhas das outras. A min influíronme moito grupos británicos como The Jam ou, aquí en Galiza, The Homens. Nisto concordamos todos: os The Homens son unha clarísima referencia, un grupo que foi do mellor que deu esta terra. Todo o que sexa considerado pop nun sentido máis xeral inflúenos, pero tamén experiencias do día a día, como as relacións cos amigos e coa familia ou a situación política actual. A referencias son infinitas.

 

Como son os vosos directos?

Tentamos que sexan divertidos e, ao mesmo tempo, emotivos. Non queremos pecar de pretensiosos e de querer mudar a vida da xente (oxalá), mais tampouco caer no erro de darlle pouca carga emocional. Queremos manter un certo equilibrio porque os grupos que nos gustan en directo transmiten iso. Cal vai ser o resultado, terá que dicilo o público.
 

En que lugares actuastes?

En sitios bastante diversos: desde Ribadeo até Cambados. Pasamos por Lugo, A Coruña, Vigo, Santiago, Pontevedra, Ourense… de momento tivemos sorte porque tocamos en moitos sitios.

 

Despois do concerto desta noite, tendes xa previsto outros?

Así que pase este concerto e un par de días máis para nos relaxarmos e descansar deste estrés, anunciaremos a xira de presentación do disco, que vén bastante cargada: Imos volver á Coruña, a Vigo, a algún festival que temos fechado… seguiremos traballando, que é o que nos gusta.
 

Antes de finalizar a entrevista, facemos o recordatorio: a que hora é o concerto?

O concerto é na Sala Capitol de Santiago ás 9:30 da noite.
 

Con que compañía?

Estaremos os Oh! Ayatollah! acompañados por Ataque Escampe, Familia Caamagno, Atrás Tigre e os The Homens.

 

(Matías Nicieza) Teño un par de preguntas para facerche! Para cando na casa, en Burela?

Os primeiros meses do grupo tocamos en Burela tres veces. Cando comecemos a xira ou nos momentos inmediatamente posteriores teremos que facer un recordatorio por Burela, home claro! Tocar na casa é o mellor que hai.

 

Algo que teño que preguntarche porque si: hai posibilidade de recuperar ese pelaso que tiñas?

[Risos] É unha pregunta que mesmo me fago eu mesmo moitas veces! Estarei no correcto? Foi moito tempo de militancia no mundo da melena e agora paseime para o outro bando. Non era eu consciente diso, mais a verdade é que no mundo do cabelo curto tamén hai vida.

 

Ben, Nuno, a todas as persoas que pasan polo noso programa facémoslles sempre a mesma pregunta antes de acabar: unha ducia de recomendacións de grandes voces do noso mundo, isto é, de músicas galegas e da Lusofonía.

António Variações é un fóra de serie. Foi un cantor portugués que tivo fama nos anos 80 e 90, un cantautor á súa maneira, un fenómeno cunhas cancións brutais. Outros son Malandrómeda, un clarísimo referente, Malvela ou Familia Caamagno. Calquera dos proxectos do Leo, en colaboración ou en solitario, son tamén dignos dunha escoita.; dificilmente coñezo xente que faga unha música tan elegante, feita con sentido e xeito. Finalmente, os Ataque Escampe son outro dos exemplos de que a música pop pode ter textos traballados, sen caer no elitismo cultural.
 

Foi un pracer conversar contigo, moitísima sorte esta noite.

Moitísimas grazas, unha aperta.
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*