“Por un mundo de máis pontes e menos valados” di a cuña de Radio Fusión coa que comeza unha nova entrega de Grandes Voces do Noso Mundo (a 97ª semana en antena). Nada podía ser máis acaído para un programa dirixido por un invidente de familia transmontana emigrada na Mariña mindoniense e conducido aos micros por Edilson Sanches Tavares, un xoven nacido en Cabo Verde que chegou á ribeira do Cantábrico para completar os estudos secundarios.
Desta vez a entrevistada foi Adhara Caamaño Sestaio, en representación da formación musical Adhara & Ritman. A conversa xa comezou con ton distendido. “Adhara estás preparada para ser entrevistada por un cabo-verdiano?” -preguntou Edilson e a entrevistada respondeu na mesma liña de brincadeira.
“Tito Barbeito -da Coruña- é un compositor que leva toda a súa vida dedicándose á música. Coñecémonos en Carnota, onde eu estaba traballando. Comezou a dicirme que tocaba, que cantaba… e viu algúns dos vídeos que eu puxera nas redes sociais… Fixémonos amigos e comezamos a tocar e a cantar xuntos sen ningunha idea de crear un grupo. Só queríamos quedar para desfrutar co que nos gostaba. Ao final acabouse formando Adhara & Ritman… porque éramos dous… Mais agora xa somos un cuarteto con Andrés e con Arturo”.
Historias bonitas: a de Adhara e Tito, a da incorporación de Andrés e Arturo, a da colaboración da pintora Viki Rivadulla, a da edición do primeiro CD (Libre Son), a da preparación do segundo, a das gravacións dos videoclipes, a da interpretación singular de Rosalía de Castro, a do poeta Álex de Corcubión “que escribe sempre en galego”…