Con Zapatos Novos, os Guezos enchen de lume os corazóns

Novo disco con ritmos de rock, de pop, de rumba, de reggae e de folk

Marco Pereira e Edilson Sanches anuncian que se aproxima o momento do Deixe Falar e para entrar en materia presentan unha canción do grupo que vai ser entrevistado. Inmediatamente despois, unha guitarra eléctrica, unha batería e dúas gaitas marcan o paso a ritmo rápido. É o comezo da canción. O preludio dunha historia como de amerindios e colonos,  mais que non está ambientada na afastada costa do Pacífico… senón nunha estrada comarcal que une a capital ourensá con Celanova e os protagonistas da acción non se chaman “Touro sentado” nin John ou James, tal como nos di a voz cantante nada máis comezar:

Chámanlle Pepe, Josiño Malasangre.
A augardente a súa única paixón.
O alambique, a súa forza motora
E o bagazo fervente relixión.

E do outro lado? Do outro lado “andan os verdes seguíndolle a pista” e, unha vez que lle interceptan o paso, confirman a súa actividade ilegal: a DKW está “cheíña de licor”. Será licor-café? Aínda que non é especificado, nós intuímos que se trata dun produto galego de calidade, porque a xente proclama aos catro ventos:

Deixádeo pasar.
Trae a delicia ás nosas casas.
Enche de luz esta comarca.
Enche de lume o corazón.

E despois da música quen pasou foi Juan Marcos “Fish”, un piloto de guitarra eléctrica que nos contou que é de León e que chegou aos Guezos hai uns anos e que ten que facer esforzo para falar en galego, mais que o vai conseguir. E é claro que o consegue e así pola súa voz sabemos que “guezos” é o mesmo que “rapaciños”, mais neste caso en barallete; que os fundadores eran xusto iso, uns mozotes, pouco antes da mudanza de século, cando decidiron tocar xuntos; que, con altas e baixas, a banda mantívose e publicou 7 álbumes en pouco máis de 15 anos: Guezos (2001), Terradentro (2004), 99-06 (2007), Oito Destinos (2009), “O histérico latexo” (2011), “Un longo camiño” (2014) e Zapatos novos (2018).

Sen o menor “deixe” de melancolía, o “Fish” de terra adentro asegura que os Guezos manteñen vivo o espírito daqueles amigos do bairro que gustaban da música e que decidiron xuntarse para tocar cando eran uns adolescentes. Agora que xa andan pola casiña dos 40 seguen preferindo os directos por aquilo da conexión coa xente en plena festa, a ritmo de rock, de pop, de rumba, de reggae, de folk… ou mesmo do que saia nese momento de emoción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*