P71 – Milesios: ir e vir entre tradicións

 

Nun programa como o Grandes Voces, en que nos gusta viaxar a través das ondas e da música a outras tradicións, non podíamos esquecer a nosa conexión atlántica coa vella Irlanda. Neste programa estivo connosco Maite Veiga, dos Milesios, un grupo de música folk que reinterpreta a música tradicional de ambos os países. O grupo acaba de finalizar a xira de presentación do seu segundo disco, Indoevindo, un CD preparado con detalle e  cariño que está a obter excelentes resultados.

 

Maite Veiga, moi boa tarde!

Boa tarde!

 

É un grande pracer poder falar contigo.

O mesmo  digo! Como está todo por aí?

 

Pois moi ben, a verdade. Antes de comezar, quero darche os parabéns por este novo disco.

Moitas grazas.

 

Milesios naceu en 2009 e está formado por un grupo de amigos que gosta das músicas tradicionais galega e irlandesa. Nese período de case 10 anos xa actuaron en lugares moi diversos: o “Festival celta máis pequeno do mundo”, na Noite Celta de Porcía, no Festival de Pardiñas e no Proxecto Runas do Festival de Ortigueira. En 2013 gravaron o disco Alén Mar e agora preséntannos Indoevindo, coa novidade da incorporación de música cantada-

Maite, cóntanos, desde cando estás vinculada aos Milesios?

Como cantante e baixista, levo por volta de dous anos no grupo. Estiven vinculada xa antes porque, se reparardes nos nomes dos integrantes, hai varios Veigas. Son parte da familia e, como fan, xa estaba aí desde o inicio.

 

Antes de comentarmos o disco, queremos que nos fales da actualidade do grupo. Quen son as persoas que vos acompañan e cal é o cometido de cada unha.

Pois hoxe o grupo está formado por sete persoas. Somos dúas cantoras, Marta Portela e eu mesma; Marta tamén fai algunhas percusións, con pandeireta, pandeiro, pandeira e outros instrumentos, e eu toco o baixo. Alén diso están Paula Veiga, que toca o violín e a mandolina; Senén Montero, que toca acordeón, batería e outras percusións; Manuel María Veiga, que é o compositor principal do grupo e que toca a maior parte das cordas, entre outros; Noelia, a nosa gaiteira, que tamén toca o bombo en pezas como o Valse de Ribarteme, e Manolo o Moucheiro, que é o guitarrista e toca tamén o bodhrán e algunhas cousas máis. Actualmente está a colaborar connosco Elaine Brown, que é unha harpista de Birmingham que nos está a acompañar nalgunhas actuacións.

 

Que significa para o grupo o traballo de Daniel Díaz Trigo?

Daniel Díaz Trigo foi o artista que deseñou os dous discos que publicamos até o momento. Temos unha relación moi especial con el, entende moi ben o que queremos expresar coa nosa música e plásmao a través da fotografía e doutros recursos. Neste disco, Indoevindo, hai unha faixa da súa autoría, a nº12.

 

Fálanos da gravación do videoclipe. Quen a fixo?

A gravación é obra de Sito Torres baseándose tamén no traballo de Daniel Díaz.  O disco é, na realidade, un libro-disco realizado con fotografías e Sito o que fixo foi reparar moito nesa estética para tentar reproducila. Conseguiu replicar moi ben este efecto de Indoevindo que xa recollía a fotografía de Daniel.

 

Onde se gravou?

En varias localizacións, todas da provincia de Lugo, na zona á volta do concello de Outeiro de Rei.

 

Como che foi como actriz?

Ben… [Risos] Non tiña moita experiencia, mais estabamos ben dirixidos. A verdade é que iamos nervosos porque non tiñamos experiencia en gravar videoclips. Os membros máis antigos gravaran outro para o disco anterior, mais os integrantes máis recentes non tiñamos experiencia e estabamos máis intranquilos. Penso que saíu bastante ben.

 

Dicides que o disco Indoevindo é un concerto itinerante.

Realmente presentamos o disco a 24 de febreiro de 2017. Acabamos de finalizar agora mesmo a xira de presentación en Ourense, no día 24 de febreiro de 2018. Iniciamos conversas con varios festivais, tanto de Galiza como de Portugal, e estamos pendentes para comezar as contratacións da xira de verán. De momento non temos prevista ningunha data concreta.

 

Ese disco cantas cancións contén?

Son doce faixas, aínda que unha delas non é exactamente unha canción, e catro delas cantadas. Como foi concibido como un concerto, ten dúas bonus track que pretenden ser como as cancións extra do final das actuacións, por tanto son 14.

 

Xa que adiantaches que hai catro pezas cantadas, que hai no interior delas?

Un pouquiño de todo, mais principalmente tradición da música galega. Tres delas son adaptacións de pezas tradicionais, a nosa interpretación delas. A cuarta é un poema do poeta chairego Manuel María. Decidimos pórlle a nosa música como tributo porque o ano de gravación foi o ano en que se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Hai moita tradición, xa sexa poética ou musical.

 

Como son os concertos de Milesios?

Son tamén un pouco itinerantes. Xuntamos pezas da tradición irlandesa con pezas da tradición galega, por tanto é un ir e vir. Temos unha parte do repertorio adaptado da tradición e tamén músicas propias, compostas principalmente por Manuel María Veiga, o noso compositor, e arranxadas polo grupo. Temos un pouco de festa ao irlandés, un pouco de festa á galega e tamén pezas máis tranquilas. Non pode ser todo bailar, hai un pouco de baile e un pouco de escoita.

 

Antes de finalizar a entrevista, aínda temos outra pregunta. A todas as persoas que pasan polo noso programa pedimos media ducia de suxestións musicais do noso mundo: de Portugal, do Brasil, de Galiza, de Angola… Que nos recomendas?

Gosto moito das voces femininas máis fortes ou características. Por outra parte, tamén gosto de moitos estilos diferentes, non só os tradicionais ou folk. De Portugal; a voz de Sónia Tavares de The Gift, que me parece impresionante, ou Mísia, xa nun ton máis tradicional. Do Brasil; Marisa Monte ou Pitty, que é máis rock. Evidentemente, non podo esquecerme dos clásicos: adoro Cesária Évora. Esas son as miñas voces preferidas da Lusofonía, aínda que é probábel que esqueza algunha.

De Galiza, gosto moito de Sés e, por dicir algunha masculina (non poden ser todas femininas!), Davide Salvado.

 

Moitas grazas por estes minutiños de conversa connosco.

Grazas a vós por chamarnos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*