Nacemos o pasado 22 de xaneiro de 2016 e, a cada programa que ía pasando, íamos mellorando máis e máis. Nas primeiras emisións había certo nerviosismo debido ao medo de que saíse mal, mais hoxe en día podemos dicir que demos un salto cualitativo moi importante.
Por outra parte, tanto a min como ás miñas compañeiras —na primeira temporada Elena Valle e na actualidade Silvera Vicente—, este programa estanos ensinando moito, sobre todo no ámbito da comunicación.
Polo programa pasaron artistas de renome como María do Ceo, Sés, Guadi Galego, Nancy Vieira, Jasper —do grupo de rock galego Nao—, Manolo Maseda… e os que aínda quedan!
Esperamos que nos acompañe, na nave das palabras, ao longo desta viaxe a través das ondas radiofónicas polos países onde a nosa lingua creou raíz e agora florece.
Moitas grazas por nos seguir cada semana,
Marco Pereira Oliveira