P68 – Conversamos con Antón Blanco, dos Atrás Tigre.

 

A crítica especializada canta louvores ao traballo dos Atrás Tigre e nós quixemos saber un pouco máis sobre eles. Estivemos con Antón Blanco, batería do grupo, que tivo a xentileza de falarnos sobre as orixes da banda, os seus dous traballos anteriores e  o inicio da xestación dun novo disco que aínda está por definir.

Como cada semana, recomendámoslles que non perdan esta nova entrega do Grandes Voces do Noso Mundo.

 

Antón Blanco, moi boa tarde!

Boa tarde.

 

Moitísimas grazas pola xentileza de atender a chamada do Grandes Voces do Noso Mundo.

A vós por chamardes.

 

Antes de máis nada, teño a certeza de que esta pregunta é moi típica, mais é necesaria: Cal é a explicación do nome?

Eu non estaba aí no momento en que se decidiu o nome, mais téñolles escoitado a explicación aos meus compañeiros. Simplemente, non sabendo que nome escoller, meteron varias palabras nunha bolsa e foron sacando pares, estilo dadá. O par de palabras que máis lles gustou foi Atrás Tigre.

 

Que artistas integran a banda?

Atrás Tigre somos Olalla Cociña, veciña vosa de Viveiro; Xiana Arias, da Fonsagrada; Pedro Solla, o cantante, que é de Pontevedra, e eu, que son de Vilagarcía.

 

Alén da propia responsabilidade sobre o escenario, que outras tarefas realizan os integrantes do grupo?

Eu son o único membro do grupo que non son xornalista, son estudante. A Olalla dedícase á publicación, nunha libraría; a Xiana dedícase á radio.

 

Nesta banda de escritores e escritoras, as letras son individuais ou colectivas?

Normalmente son colectivas.

 

Após procurarmos información sobre o voso estilo, din os especialistas que facedes pop C86, dream pop e jangle pop, con intensidade shoegaze. A crítica é moi interesante, mais o público mortal precisa dunha explicación, dado que se trata dunha linguaxe demasiado técnica. Cóntanos!

É verdade, é moi técnica. Trátase dunha mestura do pop británico, que non ten tanto que ver co pop americano, con grupos dos 80 como The Cure ou outros máis actuais como Slowdive. Neste estilo os teclados son moi importantes, as voces son graves e os ritmos son máis profundos, ás veces máis lentos.

 

Fálanos dos dous traballos que tendes editados.

Existe unha pequena demo en casete publicada hai dous anos. Son o menos indicado en falar, dado que fun o último membro en chegar ao grupo, mais é un traballo moito máis condensado, dado que ten menos temas, e máis directo.

O outro traballo é un disco longo do ano pasado, Faino saír, que editamos en vinilo e que se move entre moitos estilos. Trata de encontrar un son que esperamos que se concrete máis nos novos traballos, aínda que posúe a maxia de combinar moitos elementos diferentes.

 

Que podemos encontrar no EP Atrás Tigre?

O estilo do EP é un pop moito máis directo, máis de festa. Son as cancións que tocamos no final dos nosos concertos, as preferidas do público para bailar.

 

Antes falábasnos dos distintos estilos incluídos no Faino saír. Cóntanos un pouco máis en concreto o que podemos encontrar alí.

No Faino saír podemos encontrar desde cancións moito máis escuras até temas verdadeiramente alegres e ritmos exóticos. Non sei se os meus compañeiros opinan o mesmo, mais eu diría que nalgunhas partes hai certos toques de psicodelia. Tamén conservamos algo do primeiro EP, dese pop máis bailábel e directo. En xeral todo o disco é bastante bailábel, aínda que se introducen músicas máis escuras, máis lentas e longas, con outro desenvolvemento.

 

Onde vos podemos ouvir proximamente?

Agora estamos nun momento de pausa, pois estivemos a tocar todo este ano pasado, mais penso que poderemos confirmar algunhas datas en breve. É probábel que anunciemos algo por Ourense, mais aínda non podemos dicir nada. Agora estamos máis paradiños, a pensar en compor algo novo.

 

Que tendes pensado para o novo traballo?

É unha boa pregunta! Estamos no medio do debate, a decidir cal que é o camiño que imos seguir. Penso que o que queremos é que o noso próximo traballo sexa moito máis restrinxido musicalmente, isto é, que non sexa tan abranguente como o Faino saír. Pretendemos que sexa unha música máis concreta.

 

Antes de finalizar a entrevista, a todos os convidados que pasan polo noso programa pedimos media ducia de recomendacións musicais das grandes voces do noso mundo: da Galiza, de Portugal, do Brasil ou dos países africanos a onde chegou o noso idioma. Cóntanos, cales son as túas preferencias?

En primeiro lugar, quero reivindicar Das Kapital, unha banda de electrónica industrial santiaguesa que xa non existe. As letras eran de Dani Salgado, cantaba o Leo e estaba tamén Paino. Por mencionar un clásico, aínda que eu penso que os clásicos hai que reivindicalos sempre, diría tamén Caetano Veloso; encántame e sempre está aí. Outros son os nosos compañeiros Ataque Escampe; aínda sendo amigos, son fan deles. Entre os galegos, desde pequeno escoito Berrogüetto e finalmente, en portugués, Lenine.

 

Moitas grazas, Antón, por falar connosco! Moitas grazas a vós.

Moitas grazas a vós!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*