P64 – Nace a AJA na Galiza: vamos cantar o Zeca Afonso

Este venres tivemos a sorte de comezar o programa cunha boa noticia para a nosa lingua: o nacemento da Associaçom José Afonso na Galiza. O seu presidente, Xulio Villaverde, estivo connosco para contarnos como foi a xénese desta a idea.
 
A iniciativa xurdiu coa intención de dar a coñecer a forte relación do Zeca Afonso coa Galiza: desde os seus concertos até as amizades que cultivou durante a súa traxectoria. Preténdese divulgar o seu legado e mantelo vivo hoxe «como se fose o primeiro día». Os promotores desta asociación entenden que José Afonso deixou unha pegada moi grande na Galiza, que debe estar presente e que precisa de ser impulsada para a facermos revivir.
 
A AJA-Galiza nace como un núcleo da súa homóloga portuguesa. Segundo Villaverde, a asociación galega está a recibir moito cariño, amizade e forza desde Portugal. De feito, máis de 50 persoas vindas de alén Miño van participar nos actos destes días.
 
As actividades da AJA comezan este sábado, 27 de xaneiro, na Gentalha do Pichel, cunha conferencia sobre o triángulo África – Portugal – Galiza na vida e na obra do cantor portugués. Paulo Esperança, presidente da AJA Portugal e un dos maiores coñecedores da figura do Zeca, será o responsábel por esta palestra. A partir das 22 horas, músicos galegos e portuguesas participarán nun macroconcerto na homenaxe do Zeca, que se desenvolverá na sala Malatesta. Entre os artistas, estarán Uxía, NAO, Falua, Cais da Saudade, Francisco Fanhais, Tiago Fernandes, A Banda das Crechas, Do Fondo Do Peto, Xico de Carinho e Manolo Bacallao.
 
Coa vista no futuro, Villaverde promete que este será só o comezo e que a AJA Galiza vai conmemorar todos aqueles días, festas e concertos en que José Afonso foi marcando coa súa pegada. A Associaçom José Afonso pretende ser unha ponte entre a Galiza e Portugal, que permitirá abrir novas fronteiras a nivel cultural, musical e artístico; co Zeca como elemento de unión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*