Entrevista co Leo Arremecághona

Leo i Arremecághona.
[Marco Pereira] Leo, moi boa tarde!

Boa tarde, Burela. Que tal?

[MP] Moi ben, moi ben. E ti que tal?

Moi ben, fantasticamente. Falando aí co norte do País.

[MP] Xenial! Antes de nada, moitísimas grazas por atender á chamada das Grandes Voces. 

Grazas a vós por acordarvos de min. 

[MP] Nos próximos minutos queremos contar coa tua axuda para facer divulgación da música galega, mais hoxe tamén nos botará unha man un compañeiro profesor teu chamado Bernardo Penabade.

Efectivamente, que tal? Moi boa tarde.

[BP] Que tal, Leo?

Pois por aquí andamos, que tal ti?

[BP] A estrela de Trás-os-Montes acaba de converterme en profesor teu, algo do que non tiven o pracer. 

Ben, hai quen nace para mestre e non o pode evitar, non? Aínda que non lle pague a Consellaría por iso. Hai quen naceu mestre e é mestre de todo o mundo.

[BP] En que instituto traballas agora?

Agora mesmo estou no Politécnico de Vigo.

[BP] Estás na túa terra. 

Estou.

[MP] Moi ben. Adiante Marco Pereira!

[MP] Señora e señores, estamos á conversa con Leo; filólogo, poeta e músico que agora mesmo chega aos vinte anos de traxectoria sobre os escenarios facendo música galega.

[BP] O noso convidado combina o espectáculo de estética punk coas versións da canción reivindicativa galega no final do Franquismo. E tamén coa versión dos cantores de Abril, ese mes que lle gusta tanto a Marco Pereira, e a nós tamén. A través das súas palabras saberemos que tal combinan o punk e Andrés do Barro. Saberemos tamén se aínda quedan labregos do tempo dos Sputniks.

[MP] Mais iso saberémolo máis tarde. Antes temos temos outras prioridades. “Mecághona”: queremos unha explicación do nome.

[BP] Unha explicación científica. 

[MP] Científica, obviamente.

Pois mira, eu comecei como cantautor normal facendo versións de Aute e Silvio Rodríguez. Entón cando cambiei de rollo, cando me botei ao punk, foi porque nunha volta me chamaron para tocar na Universidade de Santiago e agradeceu o meu concerto o representante dos estudantes no colexio maior. Era un facha que se levantaba todos os días co himno de España e dixen: teño que montar algo de forma que non sexa posible que este tipo saia agradecer. Daquela boteime ao punk e acudín a unha expresión de raiba que era Arremecághona,  un anacoluto que non se sabe ben en que se caga; unha expresión de raiba que era orgánica, absoluta e profunda da miña nai.

[BP] Collíchella ao Currás de Mareas Vivas?

Non, non, é unha frase da miña nai. 

[BP] Foi o Currás quen lla correu á túa nai.

Pode ser, o que pasa é que alí dialectalmente deriva en mecaghina e aquí é arremecághona.

[BP] Si, así dicía o Currás. 

Ten distribución dialectal, creo.

[MP] Cóntanos: que foi o que fixo Leo na música antes de se presentar ao Apologhit en 2006?

Está moi ben que poñades 2006 como milladoiro porque foi a data que marcou que volvese á música activa. Saquei o primeiro disco en 1998, fun de xira con Albert Pla por Galiza nese ano tamén e estiven tres anos tocando por aí, pero despois desengancheime un pouco e dediqueime a outras cousas; fixen teatro. Foi precisamente por aí, no 2006, coa explosión da Internet e dos blogs, cando volvín moverme un pouquiño máis. 

[BP] Así, sen sermos indiscretos, que non é o noso papel, cantos anos tiñas no 98?

Eu son un cuarentón xa (risos). Daquela tiña 24 anos xa. 

[BP] Quen foron os teus mentores musicais? Como te impulsaron a facer así música de cantautor?

A min sempre me gustaron os cantautores, non sei moi ben por que; supoño que pola autonomía. Eu son un tipo bastante independente, á parte de independentista, e gústame moito andar  ao meu aire. Unha forma de andar ao teu aire é ser cantautor. 

[BP] E como foi iso do Apologhit?

O Apologhit foi unha iniciativa moi guai que partía de Vieiros, pero que tiña colaboración daquela Radio Galega e do Bipartito, que se preocupaba por promocionar… non por promocionar, senón por cumprir o que vén sendo o ciclo vital normal da música do País: compoñela, cantala, gravala e distribuíla. Facer que soa e que se escoite, cousa que hoxe en día os medios públicos deste país impiden.

[BP] Aquela experiencia, foi grata?

Moito, eu creo que foi unha das mellores iniciativas de normalización da música galega que houbo neste País.

[MP] E desde ese momento, pódese dicir que o mesmo artista é capaz de manter dous espectáculos diferentes.

[BP] Marco Pereira, case bipolar!

[MP] Cóntanos como foi ese espectáculo!

Eu veño do teatro tamén e gústanme os cantautores da escola catalá: Pau Riba, Albert Pla, Jaume Sisa. Caracterízanse por, máis que ser cantautores, usar ese perfil de personalidade que sobe ao escenario como un personaxe máis. Ao principio de Arremecághona moita xente pensaba que eu era así, que tamén é un xogo interesante, pero evidentemente eu non estaría vivo se fose así na miña vida diaria. Despois o que fixen, para deixalo máis claro e para ter maior liberdade e facer tipos de música distintas ao punk, foi sacar outros tipos de personaxes.  Xa hai toda unha familia Arremecaghona: está o Leo de Matamá, que é o pai e cantautor dos 70; está o Arremecághona, que é o punky; está o En-Riquiño, que é o cantautor pop e está o Leíño, o fillo, que é un rapeiro.

[BP] Unha familia completa.

Si, e a nai tamén, a Reme. A-Reme-Cághona. O que acontece é que a nai tivo un espectáculo moi breve, pero si, a nai tamén existiu.

[MP] Por onde vas estar proximamente?

Agora en maio hai varias datas, porque é un mes bastante interesante para a miña proposta. Vou a Taragoña; debe ser a cuarta vez que vou tocar no día das letras. Teño alí grandísimas amigas e amigos, que son tamén quen organiza o Festival Antrospinos, e vou levar o espectáculo do Leo de Matamá. Agora está desdobrado en só dous: por un lado está o punky, que é monobanda, unha especie de home orquestra con todo posto no escenario. Toco eu todo: levo bombo, pandeireta, charles, guitarras e mesmo harmónica. Despois está a versión acústica, en que fago un percorrido polos cantores de Abril: versións do Zeca Afonso, de Suso Vaamonde e de cancións protesta de todo o mundo traducidas ao galego (Hawaii, Asia…). É unha proposta de cantautor global, máis que de cantautor nacional, que tamén é interesante. Trátase de facer unha especie de canción protesta da humanidade e, por suposto, en galego, porque é a miña lingua e vemos o mundo desde aquí.

[BP] Entón vas estar tamén do outro lado da raia?

Efectivamente, estamos negociando. Voulle mandar agora o dosier a Antón, o lector de galego agora na Universidade Nova de Lisboa, e vamos estar alí o 26 de maio. 

[BP] Nese dosier mételle tamén a entrevista en Radio Burela con Marco Pereira. Dille que unha entrevista coa estrela de Trás-os-Montes non se ten todos os días e que o programa se chama Grandes Voces do Noso Mundo.

Por suposto, iso xa vai ir con luces de neon.

[MP] Dez anos despois de publicares o Manifesto Dobarrista, pensas que aínda continúa en vigor? 

Si, está claro que hai que pular polo pop. Non creo que sexan bos momentos para o pop agora mesmo, creo que a cousa está bastante máis tirante, e iso nótase en estilos máis escuros ou menos melódicos, como pode ser o trap ou revival do blues. Hai tamén un certo revival do punk, ou  de certa actitude punk, que ten que ver máis ben co hardcore, que por certo aí polo norte sabedes ben disto. Hai unha escola hardcorenta aí na Mariña, e eu creo que é a máis importante do país. 

 [BP] Desde logo, e ben contentos estamos diso.

Pois si, e moitos deles practican ademais o punk na nosa lingua.

[BP] Entón de cando en vez aínda escoitas aquilo de O tren que me leva pola Beira do Miño.

Non só o escoito, senón que o canto bastante. Unha cousa que fago é xuntarme con amigos e amigas o primeiro xoves de cada mes e facer unha cousa que se chama Contubernio Tabernario. É un proxecto de canción colectiva para que todo o mundo cante. Imprimimos as letras en A3 e vámolas pedindo como se fose un bingo: “Branca Nº 13”, e cantámola. Unha delas é O Tren, de Andrés do Barro. 

[BP] Non ouvimos ben como se chama ese espectáculo participativo. Repítenolo outra vez para que nos entre ben.

Contubernio Tabernario.

[BP] Que bonito! 

[MP] Que ben soa!

É de canción protesta e tabernaria. 

[BP] O que pasa é que nese contubernio teñen o privilexio de participar pola zona de Vigo.

Claro, si, é unha cousa practicamente do barrio. Hai en Castrelos, que está preto de Matamá tamén. Quedamos un día ao mes para asumir dalgunha forma as nosas cancións e axudar a que se manteñan as marabillas que asinaron Suso Vaamonde ou  Mini e Mero e que se manteñen na memoria colectiva. 

[MP] Leo, a todas as persoas que pasan polo noso programa pedímoslles que nos fagan media ducia de recomendacións de Grandes Voces do Noso Mundo. Deste mundo da música cantada brasileira, portuguesa, angolana, mozambicana… Adiante! Cóntanos cales son as voces que escolliches e a razón.

Gústame moitísimo a música portuguesa, empezando polo Zeca Afonso, o máis grande para min. Non só é un cantantor referencial, o primeiro cantor comprometido noso espazo lingüístico  galaico-portugués, senón que a nivel mundial é un pioneiro a misturar as músicas africanas coa música tradicional portuguesa. Hai moitísimas cancións, desde a Grândola. Cada disco seu é distinto, é absolutamente audaz na súa procura artística. Unha canción que me gusta moito é Menino do Bairro Negro, que é unha das primeiras e que xoga con ese equívoco: parece que o meniño é negro e non verdade, é do bairro negro, do bairro pobre do Porto. Ao fío diso, estou moi interesado na procura de como sería unha guitarra galega, unha viola galega. A que temos máis preto é a braguesa, pero hai moitísimos cordófonos, moitas violas por todo Portugal continental e nas ilhas dos Açores.  

Por outra parte, António Variações, moi adiantado ao seu tempo, é para min un referente absoluto. Tristemente morreu de sida e seguramente fose o primeiro morto de sida en Portugal.  Del gústame, por exemplo, a Canção de Engate. 

Do Brasil… o Brasil é un continente musical, absolutamente autónomo. Non teñen que importar música porque producen de todo alí. Teñen, por exemplo, Vinícius de Moraes, que tamén interesa moitísimo como poeta e pola súa actitude vital, esa actitude de carpe diem constante. Todo o disco de La Fusa é unha marabilla de comunicación co público. Tamén me gustan moito os Garotos Podres, pioneiros do punk e skinheads con moitísimo sentido do humor. 

Hai outros como Cesária Évora… hai moita cousa que paladear sen saír do noso continuo galego-portugués.

[BP] Home, si, mais algo aquí da terra tamén estaba ben. O que pasa é que no caso  terra non queres mollarte.

Non, non teño problema en mollarme e recomendarvos cousas.  De que estilo queredes?

[MP] De calquera.

[BP] O que consideres así bo, interesante e suxestivo da nosa terra.

Agora mesmo temos bastantes bandas de punk moi interesantes. Está Lamprea Explosiva, está Contenedor de Mierda… hai unha especie de rexurdir do punk nas cidades. A nivel de canción de autor temos Alba María, que  a combina coa regueifa. Retrotraéndonos temos a Martín Códax, que é un dos meus músicos favoritos e o Pergamiño Vindel, que para min é o primeiro LP da música galega. É unha marabilla como está iso escrito e como a melodía nos vai contando de forma moi sutil a historia desa moza que lle fala ao mar. 

[BP] Marco Pereira, o Pergamiño Vindel! Esta si que foi unha recomendación auténtica e singular. En 53 programas ninguén cha fixo. 

[MP] A verdade é que si. 53 programas e é a primeira vez que sae. 

[BP] Comandante, comandante. Podo facerlle unha petición, Sr. Pereira? 

[MP] Pode.

[BP] Déixame vostede facerlle unha recomendación ao entrevistado?

[MP] Si, señor. diante!

[BP] Agora imos facer ao revés. Que che parece, Leo?

Ben, paréceme fantástico.

[BP] Pois é moi fácil. Anota este nome: Ivandro Soares! Aínda non podes coñecelo porque sairá dentro dun mes. Ivandro Soares, músico de rap que vai saír de Cabo Verde, a través de Burela, para o mundo. Colle ese nome e despois disnos.

Xa escoitei falar del, xa me falou xente daí. Coñezo  Oh! Ayatollah, que tamén son de aí, e o Nuno… o Sudor do Tractorista, de Sarria… a vosa provincia tamén é ampla e grande. O Sudor do Tractorista son unha promesa absoluta do punk performántico galego; o meu grupo favorito agora mesmo en Galiza, seguramente.

[BP] Pois ao grupo de Nuno García Pico súmalle agora ese nome: Ivandro Soares.

Efectivamente, faláronme del; non sei se Nuno ou alguén de aí.

[MP] Pois mira que ben! Leo, moitísimas grazas por atender a nosa chamada, foi un verdadeiro pracer poder estar contigo e termos estes minutos de conversa tan amena. Deixámoste coa túa música.

Grazas a vós e iso, cando queirades. Saúde.

[BP] Un pracer, moi boa tarde!

Boa tarde.

Caricatura: Ruth Caramés Blanco, a través da Galipedia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*