Experiencia radiofónica

Todo isto comezou cando eu estudaba primeiro de bacharelato no IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao. A María Xosé Pardiñas ocorréuselle a idea de que eu preparase un programa e que un día máis tarde o gravásemos en Radio Burela, a emisora en que actualmente estou colaborando co programa Grandes Voces do Noso Mundo.
Eu comentara coa profesora de tecnoloxía -María Xosé- que quería facer un programa musical cun formato informativo. Gustábame documentarme sobre un grupo ou solista para poder ofrecer a miña opinión e poñer as súas cancións de referencia. María Xosé propúxome que fixésemos unha proba, que buscase información sobre un artista concreto. Así naceu o programa Quédate con nós!, o primeiro e o único que fixemos para Radio Burela durante aquel curso (2012). Estivo dedicado a un clásico da música: Stevie Wonder.
Mais tarde, en Radio Valadouro, Pepe Vázquez Peinó -actual colaborador de Radio Burela- fíxome unha entrevista e a partir dese momento mantivemos o contacto. Case un ano máis tarde, comezamos as emisións do Grandes Voces en Radio Valadouro. Contaba coa colaboración de Tania Pernas, Sabela Quirós, Matías Nicieza -que se encargaba do control técnico-, de Alma Ramos e do mesmo Pepe Peinó. O formato era o do xa mencionado Quédate con Nós.
Esa etapa durou uns cantos meses. Fixemos 15 programas e falamos de grandes artistas e grupos como The Beatles, Muse, Mecano, etc.
En agosto do 2013, as emisións do programa finalizaron nun clima de incerteza. Descoñecíase que ía ser da emisora, que finalmente botou o peche.
Uns meses máis tarde souben que o amigo Matías Nicieza estaba colaborando en Radio Burela e comecei a falar con el sobre a posibilidade de trasladar a Radio Burela o Grandes Voces. A el non lle pareceu unha mala idea e en xaneiro do 2015 arrancamos de novo. Fixemos 19 programas, todos en directo e neles puxemos moita música comentada.
Logo de terminar o curso académico, tiña a intención continuar a partir de setembro. Mais produciusr unha boísima casualidade: comecei a estudar no IES Perdouro e co grande amigo Bernardo Penabade tamén falei de radio. El propúxome facer un programa diferente: que tivese un guión traballado -os anteriores non o tiñan- e que á vez reunise contidos musicais e culturais. Así foi. Ás sete da tarde do día 22 de xaneiro de 2016 comezaron as emisións do espazo dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo, un programa músico-cultural realizado conxuntamente con Helena Valle.
Cando escribo estas liñas, xa recollemos as colaboracións de Manolo Maseda, María do Ceo, Miro Casabella, Antonina Semedo, Ugía Pedreira, Xurxo Souto, Carlos Yus (de Migallas) e o profesor Xosé Francisco Noia (de GZ Música na Filial, do Instituto de Canido). Debo confesarvos que este programa estame ensinando moitísimo tanto cultural como musicalmente.
PRIVILEXIOS
O programa dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo é o resultado dun traballo en equipo. Helena Valle é unha persoa polifacética: escribe, canta e dedícase á radio en Proxecto Neo. Estoulle moi agradecido por facer parte desta grande aventura e por brindarme a súa amizade sen pedir nada a cambio.

Ao técnico que pilota a nave, Matías Nicieza, debo darlle as grazas por abrirme as portas e por axudarme cando el mesmo tiña bastante traballo. Moitas grazas tamén por todos eses risos que botamos a micro pechado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*