Desde 1986 está constituída oficialmente en Zas a Asociación Cultural Castro-Meda, unha entidade destinada a dinamizar a cultura e o deporte no seu ámbito territorial de influencia. De como botaron a andar poden falar con coñecemento de causa tres dos activistas iniciais: Manolo de Trompeta, Moncho de Maquinista e Pepe do Xastre. En colaboración con outros veciños e veciñas asumiron a responsabilidade da organización das festas patronais e conseguiron asentar unha celebración tradicional á que lle puxeron un novo nome: Festa da Carballeira.
Desde as primeiras convocatorias xa se divertía na festa un adolescente chamado Fidel Otero, que hoxe é o presidente de Castro-Meda e un dos responsábeis da comisión organizadora do evento. Na nosa entrevista preguntámoslle a Fiel pola renovación do compromiso. El é optimista: “A xente nova implícase. Son persoas do ámbito local e amizades de moitos outros lugares, que veñen e colaboran moi activamente”. As necesidades son moitas: a limpeza e preparación do lugar, a atención a cantinas e ás cociñas, a recepción e o acompañamento dos grupos e a venda de entradas e o control dos accesos: “Xuntamos unhas 80 persoas, en colaboración desinteresada. Como se mantén ese compromiso? Porque nos enche de orgullo que se celebre o festival”.
Cando falamos da masificación dos festivais, Fidel Otero explica como conseguiron non morrer de éxito: “Houbo un momento en que estábamos desbordados. Pasamos polo problema de moitas festas – o macro-botellón- e dedicimos intervir: para preservar o espazo natural, a carballeira; e tamén por sustentabilidade económica. Por iso decidimos cobrar unha entrada. Baixamos en afluencia e gañamos en calidade”.
O portavoz da comisión organizadora insiste: “Non queremos organizar un macro-festival. O espazo en que o facemos non está preparado para recibir 20.000 persoas. Queremos un festival pequeno, modesto, de cualidade e, sobre todo, que sexa sustentábel medio-ambiental e economicamente”.
Para além da música e os concertos, na entrevista tamén falamos de turismo, moi especialmente como orientación para o público que vai asistir por primeira vez. Fidel Otero lembrounos que Zas é unha das portas de entrada á Costa da Morte. Na localidade recomendounos a visita do Pazo das Torres do Allo (o máis antigo de Galiza), a Rota da auga (con 10 km circulares e accesibilidade para todos os públicos), o casco de Brandomil, antiga vila romana en proceso de estudo; e a Arca de Piosa. Xa fóra do ámbito da Carballeira, comentounos que podemos visitar toda a Costa da Morte: “En 15 minutos estamos en Laxe, en media hora en Camariñas, Vimianzo ou Fisterra”.