FESTIVAL DE PARDIÑAS

En conversa con Roberto Santamarina, que nos falou en representación da organización do Festival de Pardiñas, fixemos un repaso do programa desta cuadraxésimo terceira edición, que xa está ás portas.
Por iniciativa da Asociación Cultural Xermolos das Terras de Guitiriz, a Feira Festa da Música e das Artes é un auténtico modelo de actividade ao servizo da cultura e do desenvolvimento económico local.
O programa festivo comeza o día 5 co oitavo certame de Cantos de Taberna e continúa o sábado día 6, coa xornada dedicada ás artes. Despois dun encontro de billarda, Xerardo Fernández Santomé pronunciará o pregón da Mostra de Artesanato. Durante esa mesma tarde aínda se celebrará outra cita deportiva: unha carreira pedestre ao longo dun percorrido de 5 km. A partir das dez da noite, chegan catro concertos de diálogo musical entre Galiza, Madrid e Escocia. O prato forte será a actuación de Ruxe-Ruxe.
Na xornada dominical do día 7 continúa a Feira de Artesanato e celébrase tamén un Obradoiro de Treboada, coordenado por Oli Giráldez. Rabeira amenizará a sesión vermú e durante a tarde a oferta está centrada no público infantil: ao espectáculo teatral de Abracadáver seguen unhas nocións de baile tradicional, unha actuación de pandeireteiras e o pregón festivaleiro de Séchu Sende. Á noite, outros catro concertos. Desta vez o diálogo musical terá como protagonistas as culturas galega e vasca. Os Festicultores serán os encargados de poñer fin ao festival.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*