Bea -a de Estrella- di que se dedica á música desde a infancia, que desde pequena toca a guitarra e que colaborou facendo coros en gravacións de discos e tamén ao vivo en concertos.
Tamén di que os sentimentos, as emocións, as letras e as músicas decidiron saír e que por iso se meteu nun estudio de gravación para que Mareira acabase saíndo ao exterior.
No Deixe Falar entramos en contacto con Bea e quixemos que nos falase de Estrella e da Vila-Boa de Culleredo, porta de entrada á Cidade da Coruña. Despois falamos de linguaxes artísticas e de María Pérez e o seu periplo arxentino, das cancións escritas por Rosa Aneiros e por Yolanda Castaño, da colaboración de Pablo Milanés e da presentación de Mareira no centro Ágora.