Un modesto audiovisual titulado Bierzo: lingua escrita, preparado por estudantes do Instituto Bergidum Flavium de Cacabelos, abriunos as portas ás músicas de Luís Aínda, cantautor berciano nacido na cidade de Ponferrada.
De Luís Aínda dise con acerto que é viaxeiro, músico, cociñeiro, enfermeiro e poeta. Nós acabamos por saber como foi capaz de combinar todas estas facetas durante os 25 anos que leva coa carreira artística.
Falamos da súa música -a de composición propia-, mais falamos tamén das colaboracións con Rapabestas, con Amancio Prada, Uxía, Guadi Galego e João Afonso.
Non esquecemos a súa dedicación ao público infantil, onde aparece como Luigi Puck, e tamén comentamos o “Karavasar”, proxecto en que nos ofrece un repertorio en galego e portugués focando a lusofonía dun xeito orixinal.