
No programa 151 do Grandes Vozes falamos co ensaísta Fernando Fernández Rego, autor de libros como 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, Galicia en clips ou Andrés do Barro. Saudade. O tamén administrador da páxina especializada La Fonoteca.net falounos de Andrés do Barro e contextualizouno con numerosas referencias que aparecen no seu ensaio titulado Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, un intenso percorrido pola música galega dos anos 50 á actualidade tomando como partida “esas orquestras e conxuntos que pouco a pouco comezan a virar cara ao pop”
Tal como aparece nunha entrevista publicada por Diario de Ferrol, “a idea do libro é centrarse fundamentalmente no pop, rock, punk e derivados, ademais de atender á canción de autor, desenvolvementos como o de Voces Ceibes ou o do Movemento Popular da Canción Galega, e tamén o jazz-rock e o folk cando este se asocia co rock dalgunha maneira ou coa electrónica xa na actualidade. O underground está moi presente. É estudado e explorado de maneira minuciosa e paixonal, tanto o dos anos 80 como o dos 90 e o da actualidade. Porque a contracultura e os movementos subterráneos foron en Galicia focos principais e vitais da súa historia musical, o xerme de grandes bandas e artistas”.