“Con cebola ou sen cebola?”: A Banda da Balbina resolve o enigma

Dez anos despois de ter entrado con grandísimo éxito nas nosas festas, a Banda da Balbina celebra a efeméride coa edición dun novo disco: Con cebola ou sen cebola. Nós quixemos participar na celebración e para iso puxémonos en contacto con Silvia Cerneira, que foi protagonista do “Deixe falar”.

A autocrítica á asimilación dos “Galeguiños de piso” que renuncian aos produtos naturais e acaban sendo vítimas do consumismo industrial ou á presunción coa que voltan á nosa terra algúns emigrantes retornados, unha canción homenaxe a Pepa a Loba, dúas versións -unha da “Pandeirada” de Andrés do Barro e outra de “Uma casa portuguesa” da Amália Rodrigues-, xunto cunha versión galega da “Llorona”, da revolución mexicana, son os contidos da nova entrega discográfica que centrou a nosa conversa.

Con todo, a revolución non é tanta. A Banda da Balbina continúa a manter a mesma esencia: “ritmos festeiros, como calquera orquestra, coa diferenza de que as letras e músicas son de composición propia. Non aumentamos o lucerío, tampouco temos acróbatas e somos os mesmos componentes”, en palabras de Silvia.
A artista séntese orgullosa de que a Banda da Balbina continúe nos palcos grazas a premios como o A polo Ghit ou o Martin Codax e á difusión realizada polas emisoras locais, o que se traduciu en moitas portas abertas para contratacións e nun contacto directo co público co que conseguiron sintonizar rapidamente: “A calquera persoa de Lugo, de Ourense ou da Coruña vaille traer á mente moitas máis vivencias unha letra da Banda da Balbina. Certo é que nós non podemos competir coas estrelas internacionais, mais tampouco é a nosa pretensión. Xa temos suficiente música en inglés; xa chega ben… e en castelán tamén. Necesitamos ter a nosa música e que non leve sempre o ritmo do folk”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*