
Por ser a máis nova, nun círculo de amizades con máis idade; por ser baixa de estatura; e tamén como manifestación de cariño, Paula Chaves Pérez pasou a ser Pauliña moito antes de facer composicións musicais, de ofrecer concertos ou de gravar discos. Agora é habitual que apareza en versión binormativa Pauliña/Paulinha:”cada un que o escriba como queira, sempre que sexa ben pronunciado”.
Coa forza e a ilusión de neofalante
“Eu son neofalante. Comecei a falar en galego aos 13 anos, grazas á axuda da profesora Rosa Cancela, que me apoiou (porque cando alguén fai ese cambio, a xente reacciona con estrañeza). Tras ler a Rosalía e ser alumna de Rosa Cancela, pasei a usar o galego en todos os ámbitos. Teño as raíces ben marcadas e sei moi ben de onde veño”.
De-Xeneración: o primeiro disco e a colaboración con Valtònyc
Con De-Xeneración proclama que a xente moza está en activo e que se ve obrigada a superar estereotipos de que tardan en acabar os estudos, que non traballan e que se dedican a vivir dos pais. Con respecto á temática das oito cancións, Pauliña di que son vivencias propias; situacións que lle pasaron ou que viviu de perto. Por exemplo, a violencia de xénero. Mais tamén o feminismo (“Estou cansa de o ter que reinvidicar aínda neste momento”) e a reacción contra o desemprego e a crise.
Ao longo de toda a entrevista, Pauliña fai un discurso en positivo con palabras de agradecemento. Para a discográfica, “que fixeron un traballo extraordinario. Puxéronme a banda. Apostaron por min e os resultados están aí: nun ano vendín as copias todas. É certo que estou mellorando, mais Xonix Records estame dado a oportunidade de facelo. Debera haber mais estudios deste estilo que lle den voz á música en galego e que apoien os artistas de novas xeracións”. Agradecemento tamén para Valtònyc, de quen recibiu colaboración co común compromiso pola liberdade de expresión. Para o público que a está recibindo “cun agarimo que noto desde o palco”.
En xira
Desde que debutou no OurenRock, Pauliña estivo na Festa do Alvariño, en Lalín, en Malpica, en Pontevedra… e dentro de pouco , en calidade de gañadora do Cantalingua 2019, na primeira quincena de maio percorrerá as prazas de 12 vilas e cidades galegas levando a súa música á mocidade dos institutos. Inmediatamente despois estará en Madrid e Valencia.