Nacida en Nantes (1984), Camille Hedouin chegou á Bola, en Ourense, para participar nun proxecto de restauración dunha aldea abandonada na parroquia de Saumede. Con aquela visita estival pretendía só ver como era o panorama, mais acabou por asentar-se e ficar.
“Eu espero que a mocidade galega se anime a facer vivir outra vez o rural. Teño esperanza. Sei que hai xente está interesada e que só lle falta atreverse”. Con ese espírito impulsou o festival “Ao compaz” (escrito con zeta e pronunciado con sibilante, o que lle dá plenitude de significados), primeiro só con grupos de música franceses e despois dando entrada á cultura galega emerxente. Así naceu unha festa grandiosa, cada vez máis coñecida.
Na súa conversa con Edilson Sanches Tavares, comentounos que desde pequena quería ser astrónoma e que, cando se interesou pola música, a súa familia preocupouse porque temía unha influencia negativa nos estudos.
Obviamente, nunha entrevista a Mounqup tiña que saír o tema do diálogo entre culturas. “Para os temas íntimos utilizo o francés, os da vida social fágoos en galego e os de crítica neoliberal en inglés”, dixo a artista ao tempo que comentou que lle foi fácil a inmersión en galego, aínda que chegou á nosa terra sen saber nada do noso idioma.
Co nai nativa da Costa de Marfil, Mounqup escoita músicas moi diferentes -especialmente do oeste de África- e despois procura asimilar o que a ela lle transmiten para facer as súas propias composicións.
Moi estreitamente vinculada á produción musical galega -aínda máis desde que gañou o premio Martín Códax na edición de 2018-, confésase admiradora de Esposa, da voz de Isolda (de Sacha na Horta e Blues do País), de Mercedes Peón, de Cinta Adhesiva e dos Ayatollah.
Nestes próximos meses, o espectáculo de Mounqup estará en permanente itinerancia. De Eslovaquia á Alemaña e das terras xermanas a unha xira por Andalucía. Iso si: sempre cos pés no rural de Ourense, “onde estou facendo a miña vida”.