ALBA MARIA: “A miña avoa cantábame para durmir… e agora podo cantarlle eu a ela”.

No programa 112 tamén falamos con Pacolo Ramil, o pai de Sabela, e fixemos a descuberta do Bardo D.C.

 

Pacolo Ramil (minutos iniciais);  Alba María (16′ a 42′); Kevin Tunhas “O Bardo, D.C.” (46′ a 51′)

Abrimos o programa coa conversa con Pacolo Ramil, pai de Sabela e concelleiro de Cultura en Ourol: “Cando a miña muller e mais eu íamos ás festas e Sabela tiña máis ou menos dous anos, era unha nena que xa non pedía bonecas. Quería trompetas e tambores. Nós dicíamos que iso algo quería dicir. E vaia se quixo! Tan pronto puido, aos 3 anos, comezou a ir á Escola Municipal de Música e Danzas das Pontes. Alí iniciou a súa vida de música.

Nós queríamos saber como vivira o pai de Sabela todas as semanas en que só podía ver a filla a través da pantalla e tivemos resposta clara e concisa: “Vivín a participación no concurso con tensión, emoción e orgullo. Todo misturado”. A claridade e a conción do entrevistado aínda nos animaron a facer máis preguntas con matiz emotivo. Por exemplo: De todas as cancións que cantou Sabela, cal delas é a súa preferida?

“Só unha preferida non teño. Naturalmente, as miñas preferidas son sen dúbida as cancións que cantou en galego. Téñoo claro. Para min xa foi un orgullo a primeira vez na gala número 2 que escollese as Benditas feridas de Rosa Cedrón. Cando a oín cantar… foi un momentazo!”.

Nesta ocasión, o Deixe Falar, estivo protagonizado por Alba María (Las Palmas de Gran Canaria, 1995), “unha cantora moi xoven e con grande proxección no panorama artístico”, en palabras de Marco Pereira, que fixo unha presentación contextual apoiándose no tema musical intitulado “Hemisferios. 8 mulleres, 8 voces, 8 de marzo”, unha iniciativa da Deputación da Coruña que estivo coordenada pola propia Alba María e que contou coa participación de Uxía Senlle, Pilocha, Ugia Pedreira e Belém Tajes, entre outras voces galegas contemporáneas.

“Tiven a sorte de medrar na mesma casa con meus pais e meus avós en Vigo. E tiven a sorte de medrar coa miña avoa que canta moi ben e con algúns dos seus irmáns que tamén son grandes cantores. A avoa fixo que o canto estivese presente na miña vida. Antes cantábame para durmir… e agora podo cantarlle tamén eu a ela”.

Con estas palabras que complementaban a presentación, a entrevista enveredou para falar da Central Folque, do certame musical do Concello de Teo (no que participou cando tiña 18 anos), da gravación do seu primeiro disco (Aínda)…

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*