Naceu no Porriño. Agora combina a interpretación musical cos estudos de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo. A música fai parte da súa identidade desde a infancia, mais o “paso adiante” chegoulle a partir dos 15 anos a través do profesor e compositor José Portela, director da escola de música en que estudou Xoana e a persoa de quen partiu a iniciativa de que a artista se decidise a entrar nun estudio de gravación.
Tras dous anos de preparación, coas letras compostas pola súa nai -Eva Martínez Adega-, a música de José Portela e a súa propia paixón, Xoana encamiñouse ao Porto na procura dos Boom Studios para gravar o seu primeiro disco: Dardos.
O día 7 de decembro de 2018 foi o día decisivo. O Círculo Recreativo-Cultural do Porriño acolleu un dos actos máis fermosos que pode organizar unha entidade das súas características: a presentación da obra artística de persoas da propia localidade. Neste concerto tan especial, Xoana estivo acompañada por Uxía Senlle e xuntas interpretaron “Espellos“.
Aquí está, pois, a moza que nos canta:
Busco as palabras,
parcas ou gratas,
mais necesarias
nas horas baixas.
O verbo rexo que en min resoa
só para advertirme:
recibe e goza!
Gocemos coa súa música!