Samarúas ofrece o seu “Prólogo” á audiencia do GV

O disco reivindica a arte e o humanismo de Man de Camelle, "un rebelde que se expresou de forma libre desde o amor"


Este é un modelo de entrevista “in crescendo”. Tania Caamaño era a primeira vez que estaba sendo entrevistada por un locutor cabo-verdiano e o locutor Edilson S. Tavares preocupouse tanto ao ouvir a expresión Costa “da Morte” que non acertou a pronunciar ben Vimianzo e mesmo lle pasou o nerviosismo a Marco Pereira, que converteu as Samarúas en Saras Múas, como se fosen parentas daquela Sara Mago de triste memoria.

Superados os primeiros segundos de incerteza, Tania Caamaño bota man do seu saber en materia de Educación e Linguaxe e protagoniza unha entrevista moi didáctica e moi emotiva. “Levamos escrito na pel e no sangue que somos da Costa da Morte, aínda que desta comarca só sexamos tres componentes do grupo: Fran e Carlos, no acordeón e na guitarra; e eu na voz”, di Tania antes de presentar o resto: Miguel (saxo e gaita) e Antonio (percusión), ambos da Coruña; Isaac Pérez (baterista), de Sada; e María (violinista), de Lalín e Santiago.

Coñecido o grupo, chegou o momento de falar do disco –Prólogo, co que gañaron o certame Música Xove convocado pola Consellaría de Cultura, que foi editado en xaneiro deste ano 2018- e dun dos seus protagonistas: Man de Camelle. “O alemán é unha referencia de persoa que, através da arte, se rebela contra o imposto. É unha referencia para quen desexe expresarse de forma libre desde o amor”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*