Poucos artistas de alén Miño son tan importantes para a nosa cultura como Paulo Tato Marinho. Sendo nativo de Lisboa, el non dubida en definirse como galego, nin nós dubidamos en recoñecelo como tal. O Paulo dirixiu as gaitas do Anaquinhos da Terra, grupo de música tradicional do Centro Galego de Lisboa, onde dá aulas de gaita de foles e é querido por todos. No entanto, este músico con raíces minhotas non é só importante para a música galega: desenvolve un gran traballo de recuperación da música tradicional do Norte de Portugal, inspirado polo traballo dos artistas e musicólogos galegos os anos 70 e 80, e forma parte de dous dos grupos musicais portugueses máis importantes dos últimos trinta anos: a Sétima Legião e os Gaiteiros de Lisboa.