Vídeo: Fol Música
Ana Senlle, boa tarde!
Boa tarde!
Moitísimas grazas por atenderdes a nosa chamada.
A vós por vos lembrardes de nós.
Antes de máis nada, gustaríanos que nos resolvese unha dúbida. O seu nome tráenos á memoria unha artista de grande inspiración para este programa: aquela que cantaba Teño unha casiña branca na Mariña entre os loureiros.
É a Uxía.
A Uxía, exactamente. Se non estamos mal informados, é da mesma vila…
De Sanguiñeda, si. De Mos.
Esa coincidencia de apelido é casual ou tamén é parente?
É coincidencia, porque somos irmás, claro. Non pode ser doutra maneira.
Moi ben, entón a coincidencia é moi grande!
A coincidencia é nos dous apelidos, non só nun.
Alén diso, sabemos que a Uxía está bastante relacionada coa creación de Malvela.
Pois si, dado que comezou sendo un curso de cantos populares da Asociación de Mulleres Rurais de Mos, onde eu tamén participei como alumna. Foi a partir dese momento cando se comezou a pensar en crear un grupo. A Uxía sempre está coas súas ideas e a cabeciña dela non para; foi ela quen dixo que aquilo tiña que saír dalí e que aquelas mulleres tiñan que saír da casa para se daren a coñecer. Fomos introducindo aos poucos instrumentos no grupo, actuando e gravando discos até chegarmos a onde estamos agora.
As Malvela representan a voz das mulleres galegas coas súas cancións da Terra. Cando esas mulleres de Sanguiñeda se xuntaron no curso de canto de Uxía Senlle, non podían imaxinar que serían unha referencia da nosa música e que levarían o seu ritmo e a súa alegría a teatros, festivais, festas e televisións. Os seus temas actuais procuran a irmandade con Portugal, algo que as Malvela demostran desde o primeiro disco. Para sabermos máis deste carismático e numeroso grupo estamos hoxe en conversa con Ana Senlle, compoñente e directora vocal do grupo.
Ana, esa afinidade con Portugal é algo que compartimos no Grandes Voces do Noso Mundo, o programa de música da Lusofonía. De onde vén esa afinidade das Malvela con Portugal?
Vivimos aquí, a moi pouquiños quilómetros da raia e sempre tivemos esa influencia. Sentímonos irmás dos portugueses porque realmente é así. Fascínanos a súa música. Por outra parte, tamén temos unha muller entre nós con orixes portuguesas, Carmen, e conserva na memoria cantigas que aprendía da avoa e da nai cando era pequena. É algo que temos moi dentro de nós; esa afinidade é totalmente natural.
Actuaron algunha vez alá?
Si, aínda que adoramos Portugal e gustaríanos actuar moito máis alá. Estivemos hai pouco tempo nun festival en Almodóvar, compartindo vivencias e escenario con adufeiras de alí e xente do Alentejo. Estivemos tamén en Braga, Grândola, Paredes de Coura, Porto, Monção… Percorreríamos Portugal enteiro porque é onde mellor nos sentimos fóra da casa. É a nosa casa tamén.
Imos voltar ás orixes: de onde vén o nome do grupo?
Encontramos o nome do grupo a pensar en nomes de plantas. Estabamos a procurar o nome dunha planta porque as mulleres de Malvela están moi implicadas na vida do campo e pensamos que sería un detalle bonito. Julia, unha das primeiras integrantes que agora xa non está no grupo, foi quen preparou unha lista con nomes. Realizamos unha votación e tentamos que a escolla estivese relacionada dalgunha maneira co grupo. A malvela é unha planta que ten moito que ver coa muller, debido á súa utilización para as dores menstruais e de parto. Pareceunos bonito, soaba ben, e por tanto ficou.
Cantas persoas forman Malvela?
Por volta de vinte persoas, entre músicos e voces. Ás veces é complicado pensar nese número, xa que hai persoas que infelizmente xa non están, mais para min é como se aínda estivesen. É complicado contar.
Son todas de Sanguiñeda?
Case todas, mais temos compoñentes de Redondela, das Pontes e do Porriño.Temos tamén unha de Tui e outra de Ponteareas. Con todo, a maior parte das mulleres son de Mos e no inicio eran todas do concello. Fomos ampliando a familia e chegou xente da contorna.
Podería falarnos de cada unha delas e presentárnolas?
É difícil, son moitas. Temos a miña nai, desde o inicio. Fita é enerxía pura, sempre preocupada polos detalles. Quen nos dera, a cada unha das fillas, ser como ela e ter esa forza! É fantástica.
Temos a Teresa, tamén de Sanguiñeda; é corazón puro. Adela ten un mestrado en chimpín, xa que sempre está a traballar no campo e nunca ten frío…
No noso programa queremos lembrar unha das figuras máis emblemáticas de Malvela, a señora Carmen, que nos deixou hai tres anos. Fálenos un pouco dela.
A señora Carmen era unha avoa para nós. Sentimos moito a súa ausencia; era dozura personificada. Aprendemos moito dela e tiña unha voz excepcional, mais o máis importante é que tiña un corazón enorme e sentimos moito a falta dela. De calquera maneira, temos que continuar e asumir esas faltas. Penso que continúa connosco e que está a transmitirnos a dozura e a enerxía que tiña na voz e que nos sorprendía tanto. Sempre a recordamos con moito afecto.
Sendo un grupo tan numeroso, como organizan os ensaios? Continúan a ir á casa dalgunha das integrantes?
Estamos a ensaiar na casa da Aurita, unha das Malvela. Ábrenos as portas dun xeito espectacular e durante o inverno ten sempre preparada unha estufa de leña; prende o lume e coloca a aquecer unha tarteira con auga e eucalipto. Trátanos como raíñas.
Aínda contando co recoñecemento do mundo da música, as integrantes de Malvela continúan vinculadas á vida da aldea?
Hai moita variedade, mais como regra xeral si. A Clara adora facer o pan de millo e estou a loitar para que nos faga unha sesión, dado que ela realiza o proceso enteiro: moe, amasa, fai os pans… É unha experiencia fantástica, un luxo.
Todas teñen as súas leiras e traballan; son polifacéticas, agora traballan na leira e mañá van a un curso de pintura ou bailar zumba. Participan de todo canto se lles propón e non teñen inconveniente en facer a maleta e ir de xira. Teñen unha grande vitalidade e unha filosofía de vida interesante. Hai uns días, falando das excursión para a terceira idade, a Aurita dicía: «eu non penso deixar de facer nada en canto puider, porque é o que levamos desta vida. Non penso ficar na miña cansa se for capaz de saír e de ir a concertos».
Compor a sintonía da serie Padre Casares implicou unha grande mudanza na traxectoria do grupo?
Non, realmente. O Pirimpimpín é un tema moi pedido e temos unha coreografía especial para o escenario, mais iso xa era anterior a Padre Casares. A serie contribuíu para que a canción se tornase máis popular, cunha versión un pouco diferente, mais o Pirimpimpín xa existía antes de Padre Casares e continúa a ser coñecido a pesar de que a serie xa hai tempo que acabou. Ás veces gustaríanos que fose doutra maneira, porque repetir continuamente o mesmo tema cansa e preferíamos renovar, mais ás veces non nos deixan, do mesmo modo que Manolo se foi co seu carro. É un dos temas que nos acompaña.
Malvela interpreta temas tradicionais, mais tamén temas novos. Quen compón esas letras e esas melodías?
Para a letra recorremos ao arquivo das nosas señoras de idade. A señora Dorinda, nai da Clara e avoa da Carmiña, ensinounos moitas coplas durante os ensaios en canto estivo connosco. As propias integrantes tamén contribúen con letras tradicionais. A base é o tradicional, aínda que despois introducimos innovacións.
Canto á música, temos música tradicional e de autor. Raquel Domínguez, Uxía e eu temos composto temas para as Malvela. Para este novo traballo estamos a preparar cousas novas: temos un tema de Paulo Nogueira, de Treixadura, que vai sorprender. Non sei se vai ser máis coñecido que o Pirimpimpín, mais penso que si.
Cando vai saír?
Boa pregunta! Espero que axiña! Todo máis tardar, debía estar no Nadal. Estamos a cociñar a lume lento máis seguro.
Estades a actuar tamén ao vivo ou estades inmersas na preparación do traballo?
Continuamos, non é incompatíbel. Imos a onde nos chaman. De feito, é o que prefiren elas; os discos son bonitos, mais prefiren actuar con público e partillar experiencias nos ensaios. Por ese motivo, decidimos alterar a forma de gravar, pois os discos anteriores foran todos en estudio, mais o último xa decidimos gravalo ao vivo. A enerxía que posúen transfórmase perante o público e conseguen transmitir esa alegría. Estamos a pensar en gravar o próximo traballo do mesmo modo, porque pensamos que é como se senten máis confortábeis.
Onde actuaron nos últimos tempo?
Pretiño, en Valadares. Tamén en Almodóvar, nas Neves, en Cambados… Movémonos bastante pola zona, mais xa estivemos en moitos sitios no exterior. Fomos a Buenos Aires, mais xa hai bastante tempo diso. A mobilidade dalgunha das integrantes xa non é a mesma e preferimos estar aquí na zona.
Onde van estar nas próximas datas?
Sei que hai unha en Mondariz. Agora non lembro máis, dado que estamos centradas na gravación e a maioría xa son no verán.
Esperamos que entre eses lugares estea incluída Burela, dado que xa hai nove anos que non nos visitan.
Se nos chaman de alá, estaremos felices de ir.
E nós de recibilas.
Temos que contar unha situación anecdótica de cando estivemos en Burela. Chegamos moi tarde á casa e unha das integrantes xa non se deitou porque era hora de levantarse. Chegou e decidiu ir varrer as follas que había fóra da casa. Estas mulleres son así, vitais.
Realmente.
Eu non podía comigo e pensaba: como é capaz? A filla contounos que non se deitou e o marido asustouse ao acordar e ver que non chegara.
Ana, antes de finalizar a entrevista temos outra preguntiña. Gustaríanos que nos fixeses media ducia de suxestións musicais do noso mundo: de Portugal, do Brasil, de Galiza… cales son as súas referencias musicais?
É complicado resumilo tanto, son moitas. De Galiza, Uxía é unha referencia indiscutíbel. Crieime coa súa voz e partillamos moitas cancións. Guadi Galego e Xabier Díaz, Treixadura, Leilía… moitos máis. Do Brasil, Chico César, Caetano Veloso, Toquinho, Elis Regina, Chico Buarque, Lenine, Adriana Calcanhoto, Zeca Baleiro, Gilberto Gil, Fred Martins (que o temos aquí pretiño e é unha delícia escoitalo cantar)… De Portugal, o gran José Afonso, o João Afonso, Filipa Pais, Carlos do Carmo, Luís Caracol ou Sérgio Godinho. Celina da Piedade, por ser un amor de persoa e ter unha voz excelente, é unha referencia indiscutíbel para Malvela e para min.
E de África?
Eneida Marta, Jon Luz… moitísimos.
Toda esta é a música que escoito: portuguesa, brasileira, de Cabo Verde… e galega, evidentemente.
O noso Edilson está a sorrir porque é caboverdiano.
Estiven en Cabo Verde e fiquei namorada.
É unha terra moi bonita.
Lémbrome daquelas noites de música ao vivo; vívese dun xeito especial. Teño que regresar.
Moitas grazas, foi un grandísimo pracer falar con vostede e mandar un saúdo fraternal para todas as Malvela.
Moitas grazas por lembrarvos de Malvela. Estivemos hoxe ensaiando e dixéronme que vos désemos un aplauso enorme. Adoran que haxa programas como este que destaquen a nosa música e as músicas irmás da Lusofonía.
Moitas grazas.
A vós!
Boa noite e moitos éxitos!
A vós tamén, moitos éxitos co programa.