Almánimal: a música que sae dun “gharito” de Carnota

No programa 113 conversamos con Pablo de Peres, que nos presentou o estilo e os traballos da banda

Hai quen pon énfase na fonética e chámanlles os do “rock con seseo e gheada”, mais tamén hai quen centra a atención na reivindicación entón de que Almánimal son os do “rock anticorrupción” ou mesmo “rock ambientalista”. O caso é que todas esas denominacións están acertadas, porque é certo que cantan coa súa fonética -como debe ser- e que o contido do que cantan ten un mesmo horizonte: unha sociedade máis xusta.

Inicialmente, eran un grupo de amigos que se reunían no “gharito de Pablo” en Carnota, mais co tempo as metas son outras, bastante máis altas. Como afirman no Que pasa na Costa: “Coa chegada dos temas propios, o son foise achegando por si mesmo ao hard rock, mesturado con tintes de reggae e rock psicodélico”.

De todo iso falamos con Pablo de Peres no Deixe Falar do programa 113 do Grandes Vozes.

ALBA MARIA: “A miña avoa cantábame para durmir… e agora podo cantarlle eu a ela”.

No programa 112 tamén falamos con Pacolo Ramil, o pai de Sabela, e fixemos a descuberta do Bardo D.C.

 

Pacolo Ramil (minutos iniciais);  Alba María (16′ a 42′); Kevin Tunhas “O Bardo, D.C.” (46′ a 51′)

Abrimos o programa coa conversa con Pacolo Ramil, pai de Sabela e concelleiro de Cultura en Ourol: “Cando a miña muller e mais eu íamos ás festas e Sabela tiña máis ou menos dous anos, era unha nena que xa non pedía bonecas. Quería trompetas e tambores. Nós dicíamos que iso algo quería dicir. E vaia se quixo! Tan pronto puido, aos 3 anos, comezou a ir á Escola Municipal de Música e Danzas das Pontes. Alí iniciou a súa vida de música.

Nós queríamos saber como vivira o pai de Sabela todas as semanas en que só podía ver a filla a través da pantalla e tivemos resposta clara e concisa: “Vivín a participación no concurso con tensión, emoción e orgullo. Todo misturado”. A claridade e a conción do entrevistado aínda nos animaron a facer máis preguntas con matiz emotivo. Por exemplo: De todas as cancións que cantou Sabela, cal delas é a súa preferida?

“Só unha preferida non teño. Naturalmente, as miñas preferidas son sen dúbida as cancións que cantou en galego. Téñoo claro. Para min xa foi un orgullo a primeira vez na gala número 2 que escollese as Benditas feridas de Rosa Cedrón. Cando a oín cantar… foi un momentazo!”.

Nesta ocasión, o Deixe Falar, estivo protagonizado por Alba María (Las Palmas de Gran Canaria, 1995), “unha cantora moi xoven e con grande proxección no panorama artístico”, en palabras de Marco Pereira, que fixo unha presentación contextual apoiándose no tema musical intitulado “Hemisferios. 8 mulleres, 8 voces, 8 de marzo”, unha iniciativa da Deputación da Coruña que estivo coordenada pola propia Alba María e que contou coa participación de Uxía Senlle, Pilocha, Ugia Pedreira e Belém Tajes, entre outras voces galegas contemporáneas.

“Tiven a sorte de medrar na mesma casa con meus pais e meus avós en Vigo. E tiven a sorte de medrar coa miña avoa que canta moi ben e con algúns dos seus irmáns que tamén son grandes cantores. A avoa fixo que o canto estivese presente na miña vida. Antes cantábame para durmir… e agora podo cantarlle tamén eu a ela”.

Con estas palabras que complementaban a presentación, a entrevista enveredou para falar da Central Folque, do certame musical do Concello de Teo (no que participou cando tiña 18 anos), da gravación do seu primeiro disco (Aínda)…

 

Manolo Maseda: “A miña vida é música”

"A música ten un camiño: o de compoñer, o de tocar e o de compartir coas compañeiras e compañeiros de palco a ilusión por transmitir"

 

En xaneiro de 2016, o Grandes Voces comezou en ton didáctico coas palabras dun xograr, con coñecementos de trovador e de menestrel. Marco afrontaba unha nova etapa na radiodifusión e faltáballe fluidez, mais do outro lado estaba o profesor Manolo Maseda, que sabía moi ben como transmitir confianza e como desdobrarse en dous papeis: o de entrevistado e o de mestre-colaborador.

Despois de comezar dicíndonos que a súa vida é música e que comezou no conservatorio cando tiña entre 8 e 9 anos, definiunos a súa carreira como un xogo. O actual director do Instituto de Baio, tiña alma de artista. Gustáballe o teatro, mais temía non poder chegar a vivir del, entón pensaba dedicarse profesionalmente a ser mariñeiro ou taxista.

“O meu grande paso relacionado coa música chegou no momento en que rematei COU (o actual 2º de Bacharelato), porque puiden unir dúas paixóns: a música e o ensino”.

Xa dentro da Universidade de Santiago, onde estudou a súa primeira carreira, a de Maxisterio, con outros catro compañeiros e compañeiras fundou o grupo Fiandola, que naceu na residencia universitaria do Burgo. Despois, con Roberto Grandal, botou a andar con Serra-lhe aí e incorporouse aos Diplomáticos de Monte Alto. Con todas estas experiencias fíxose máis músico e gañou a pulso o seu sitio.

 

Rosa Cedrón: “Sabela é excepcional”

Nesta nova entrega do Grandes Vozes falamos con Ugia Pedreira e Rosa Cedrón sobre Sabela Ramil.

Actuación de Sabela na grande final da OT

Programa 110:

“Aínda que brillou nas cancións de selección propia, por agora non chegamos a ver a Sabela que veremos fóra, que é excepcional. Na Academia estaba sometida ás valoracións do xurado e do público e iso non lle permitía mostrar plenamente a súa identidade”. Quen así se expresa é Rosa Cedrón, docente, artista de referencia e amiga de Sabela Ramil.

Rosa Cedrón atendeu a chamada do Grandes Vozes nun descanso dos ensaios que estaba facendo en Barcelona, onde gravou unha gala cos artistas participantes na Operación Triunfo da TVE. Despois de transmitirnos a emoción do encontro con Sabela Ramil, tras varios meses sen teren comunicación, comentou no noso programa  que espera con ilusión o momento de compartir palco e mesmo de cantaren xuntas algunha canción.

Pola súa parte, Ugia Pedreira -a compositora do Tris-Tras, a canción que Sabela interpretou na final do concurso- tamén nos atendeu brevisimamente, neste caso desde París.

As dúas conversas, xunto coas cancións “Benditas feridas”, “Negro Caravel” e “Tris-Tras”, están neste novo programa que incorporamos á nosa radio á carta.

XOANA

Reivindicación lingüística, cultural e feminista en Dardos, o seu primeiro disco


Naceu no Porriño. Agora combina a interpretación musical cos estudos de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo. A música fai parte da súa identidade desde a infancia, mais o “paso adiante” chegoulle a partir dos 15 anos a través do profesor e compositor José Portela, director da escola de música en que estudou Xoana e a persoa de quen partiu a iniciativa de que a artista se decidise a entrar nun estudio de gravación.

Tras dous anos de preparación, coas letras compostas pola súa nai -Eva Martínez Adega-, a música de José Portela e a súa propia paixón, Xoana encamiñouse ao Porto na procura dos Boom Studios para gravar o seu primeiro disco: Dardos.

O día 7 de decembro de 2018 foi o día decisivo. O Círculo Recreativo-Cultural do Porriño acolleu un dos actos máis fermosos que pode organizar unha entidade  das súas características: a presentación da obra artística de persoas da propia localidade. Neste concerto tan especial, Xoana estivo acompañada por Uxía Senlle e xuntas interpretaron “Espellos“.

Aquí está, pois, a moza que nos canta:

Busco as palabras,
parcas ou gratas,
mais necesarias
nas horas baixas.
O verbo rexo que en min resoa
só para advertirme:
recibe e goza!

Gocemos coa súa música!