Programa 57: Irandê César, da Academia da Berlinda

Academia da Berlinda

Hai trece anos formouse a Academia da Berlinda, en Pernambuco. Logo dos seus discos “Academia da Berlinda” (2007), “Olindance” (2011) e “Nada sem ela” (2016), e sendo símbolo da síntese da cultura da súa cidade e da cultura afro-brasileira, as gravacións son cada vez máis modeladas e maduras.
 
“Conforme o tempo pasa, as persoas viven e as cousas acontecen, a música avanza cada vez a mellor”, asegura Irandê Cesar. O cuarto disco, xa en produción, promete seguir a esencia desta banda. Seguiremos atentos porque tentarán chegar á Galiza, para complementar todos eses lugares do Brasil nos que tocan habitualmente.
 
Deixámosvos agora cunha nova entrega do Grandes Voces do Noso Mundo:
 

Fontes: Vídeo de Zé do Echo. Foto da Academia da Berlinda

Programa 56: Belém Tajes

Belém Tajes
De Buenos Aires á Coruña, pasando por Camariñas: así resumiríamos os lugares de referencia na vida de Belém Tajes. Neta de emigrantes, viviu na vila da Costa da Morte na súa volta á terriña, despois de que seus pais tamén escollesen a Arxentina como fogar. Posteriormente, mudouse á Coruña. De máis nova estudou violonchelo, mais decatouse logo de que a voz era, se cadra, unha mellor vía para ela. Comezou a desenvolvela no coro feminino Sisters in The House, dirixido por Carmen Rei, e continuou compoñendo e facendo música no seu grupo VooDoo.
 
Luar na Lubre é agora o seu proxecto principal, cun horizonte de concertos por toda Europa, que supoñen unha ilusión e un reto. A satisfacción de ver o público, di, é o máis importante para ela, máis aínda coa apresurada adaptación ao grupo que viviu, xa que só tiveron quince días para compenetrarse dende a súa chegada ata o primeiro concerto.
 
A súa parte creativa fai que non pare nunca o seu proxecto persoal, e que as súas metas sigan a crecer cada vez máis. Así llo contou ao noso Marco neste Grandes Voces do Noso Mundo.
 

Foto: Brais G. Rouco vía O Cadelo Lunático. Vídeo: Voodoo Música.

Programa 55: Barahúnda

Foto e vídeo: Barahúnda

Barahúnda
Jose Luís Lara Gruñeiro e Helena de Alfonso formaron Barahúnda en 1998 en Madrid. Música folk de raíz ibérica, cantigas galego-portuguesas, cantares mozárabes, cancións sefardís e outras composicións propias incluíronse no seu repertorio. Tres discos compoñen a súa traxectoria: “Al sol de la hierba” (2002), “Una hora en la ventana” (2006) e “Múdanse os ventos” (2015).
 
Agora, con máis música “feita por nós”, recorren o país e moitos outros lugares, levando os ritmos atlánticos aló onde van. Rodeados de persoas como José Luís do Pico, Xurxo Varela, Raúl Lojo e outros, seguen a facer traxectoria. O camiño continuará agora polo Curral do Marqués (Rianxo), pola Pousada das Ánimas (en Boiro, na homenaxe a Narf), por Lugo, Vilar de Santos, Boiro, Lousame ou Asturias.
 
Para descubrir máis, deixámosvos a entrevista que o noso Marco e o noso Edilson lle fixeron a estes dous artistas!
 

Programa 54: Carlos Guerreiro

Fonte: d’Orfeu AC

“Ainda há gaiteiros em Lisboa?” a resposta de Carlos Guerreiro é directa: hai moitos. Falamos cun dos fundadores da asociación Gaiteiros de Lisboa na que conflúen estes artistas na cidade, e que creou xunto con Paulo Marinho ou José Manuel David (entre outros).
 
Vozes na Luta foi fundado por Mario Branco, e foi unha agrupación coa que iniciou a súa vida musical Carlos Guerreiro. Fixeron unha xira por España onde, tras coñecer Faíscas do Xiabre, o Carlos namorou da música galega e tomou con maior seriedade e peso a arte do gaiteiro.
 
Produtor da súa propia música e de artistas como Os Bandarra, fabricante de instrumentos (investigando novas sonoridades, di) e mesmo autor da Chula Gaiteira, canción dese Xabarín Club, que tanta pegada deixou na nosa xeración… Ten moito que contar!
 
Deixámosvos a entrevista que a equipa do Grandes Voces do Noso Mundo lle fixo nesta edición!

 

Programa 53: O Leo Arremecághona

Son un tipo bastante independente, ademais de independentista.

Profesor no Instituto Politécnico de Vigo e filólogo. Poeta e músico. Estética punky e canción reivindicativa galega. “Rural Love” e “Corina Porro”. “Quero Aghobiarte” e “A neurona na patineta”. “En lo más hondo” e “Materialismo dialéctico”. Así é o Leo i Arremacághona!!! e así é o profesional que está por tras deste artista.
 
No ano 1998 publicou o seu primeiro disco, con 24 anos, e foi en 2006, despois de participar no concurso “A polo ghit”, cando seguiu unha traxectoria que, tomando como modelo a escola catalá, combina as súas cancións con personaxes que soben ao escenario… Mellor dito, cunha familia enteira de artistas que non deixa indiferente ninguén!
 
Demostrando que a normalización se fai cada día, participa en diversas iniciativas, como é a de Contubernio Tabernario… De todo iso falou co noso Marco e con Bernardo Penabade, así que para coñecer todos os demais proxectos nos que cre, escoitade a entrevista deste Grandes Voces do Noso Mundo.