MORENINHAS

A expedición “Modelo Burela” con X. Ramón Albo e Manuel de Andrade.

 

Érica Gomes Mendes, Raquel Lopes Ramos e Eliane Tavares Mendes son Moreninhas, tres raparigas de Cabo Verde que onte pasaron un dos mellores días da súa vida.
 
Ás nove da mañá, elas, Bernardo Penabade e eu saímos de expedición en dirección a Compostela. Durante o traxecto houbo breves momentos de silencio intercalados entre outros de risos e cánticos.

 

Arredor do mediodía chegamos a Santiago e o primeiro que fixemos foi visitar a TVG. Estivemos no plató dos Servizos Informativos, mentres estaban facendo os preparativos técnicos de luces e son para novas emisións e despois asistimos á realización en directo do programa A Revista.

 

Durante a comida, que fixemos no casco histórico de Santiago -xusto entre a Rúa do Franco e a Praza Doutoral- puidemos conversar tranquilamente con Cristina Montgomery, afillada do “xefe” da expedición. Falamos dos nosos respectivos estudos, das perspectivas laborais e tamén do que as Moreninhas ían cantar no Luar.

 

Érica, Eliane, Marco e Raquel na praza das Pratarías durante o percorrido que serviu para que Érica e Eliane coñecesen o casco histórico da capital galega.

 

Despois dun breve percorrido pola Rúa Nova, as Pratarías e o Obradoiro -onde coincidimos con Miguel Penas (coordinador do gabinete da Alcaldía de Santiago de Compostela)-, dirixímonos ao Plató 1000, lugar no que se realiza e desde o que se emite o programa Luar. Alí nos recibiu cos brazos abertos Elena Mareque e despois presentounos a Xosé Ramón Gaioso, a Xavier Díaz e a unha longa lista de artistas de diversos lugares.

 

A continuación chegou o momento do ensaio. As Moreninhas prepararon dous temas: nun estiveron acompañadas por Gaioso coa guitarra e noutro cantaron “a capela”.

 

Para pasarmos o tempo, antes da cea e do comezo do programa, aprendemos un xogo de mesa que resultou ben divertido.

 

Mentres Eliane, Érica e Raquel se preparaban no camerino, Bernardo e eu estivemos observando como un grupo de xente ensaiaba un número moi simpático e moi participativo.

 

Finalmente, chegou o momento! Gaioso tomou a palabra e presentounas as cantoras polo seu nome artístico -Moreninhas-, mais quixo dar a coñecer ao público o nome de cada unha. A entrevista seguímola con moitos nervos e acabamos moi contentos porque responderon moi ben. Ao finalizar o programa, aínda fixemos fotos con Xosé Ramón Albo, con Manuel de Andrade, con Tania Fuegho… e de novo con Gaioso.

 

Foi unha experiencia moi gratificante. Espero e desexo que as Moreninhas continúen aprendendo e que nos ofrezan máis actuacións. Eu estarei encantado de acompañalas.

 

Publicado orixinalmente en: Modelo Burela

Álex Landim, compañeiro exemplar

 

O pasado día 24 de xaneiro celebrouse no IES Perdouro un acto dedicado ao exalumno Álex Landim. Grazas ao seu esforzo e dedicación, a Xunta de Galicia outorgoulle un premio en forma de compensación económica.
Álex chegou a Burela no ano 2014. Pouco a pouco, foi conseguindo os obxectivos marcados e hoxe por hoxe está loitando por consolidarse no bacharelato de Artes.
No acto falaron, entre outras persoas: María Xosé Andión, a xefa de estudos do centro; Silvera Vicente de Oliveira, amiga e compañeira de promoción de Álex; e Antonina Semedo, unha das primeiras caboverdianas en chegar á nosa terra.
Eu tamén participei. Para min Álex foi un piar importante cando cheguei ao centro. El encargouse de que non estivese só; acompañoume nos recreos foime presentando moitos compañeiros e compañeiras para que me fose relacionando con máis xente. Desde que o coñecín, nunca máis pasei un recreo só ao lado dunha columna.
O Goberno Galego fíxolle a Álex o recoñecemento de alumno exemplar e estas miñas palabras queren ser tamén outro recoñecemento, neste caso ao de compañeiro exemplar. Creo que Álex debería ser un referente para todos e todas, non só para aqueles caboverdianos que chegaron hai pouco tempo á Mariña.