P64 – Davide Salvado: o artista e o docente

 

 

Sempre é un pracer voltar a encontrar vellos amigos; máis aínda cando eses amigos teñen o talento e a capacidade artística do noso convidado desta semana: Davide Salvado. O músico marinense xa estivera en 2013 coa equipa do noso programa irmán, Proxecto Neo. Por ese motivo, os nosos locutores, Marco e Edilson, non podían deixar pasar a oportunidade que nos ofrece a súa visita á Mariña nesta fin de semana para conversar con el.

 

Davide Salvado, boa tarde!

Boa tarde!

 

Moitísimas grazas pola xentileza de atenderes a nosa chamada

Grazas a vós por serdes tan amábeis e quererdes conversar comigo.

 

O sábado día 20 de xaneiro temos curso na Escola de Música de Ribadeo. Esta é unha boa oportunidade para coñecer o Davide Salvado docente. Como son eses cursos?

Eu normalmente dou cursos onde me centro na técnica de voz e de pandeireta máis que no repertorio, porque o repertorio hoxe en día está en Internet. O que ensino fundamentalmente é a miña forma particular de interpretar e de tocar. Nesta ocasión vamos escoller repertorio de Piornedo, da montaña de Lugo.

 

Agora é un momento de máis calma despois dun final de decembro e un comezo de xaneiro frenéticos, con concertos en Ortigueira, no Caramiñal en Lourenzá

Si, tiven moitos concertos e cursos, este ano non me queixo. É un pouco o que se espera. Cando decides ser artista ou músico tradicional, esperas poder vivir exclusivamente da música e no meu caso é así, afortunadamente.

 

Un deses sitios onde estiveches é a Arca da Noe en Vilar de Santos. É un lugar especial?

É un lugar moi especial, porque a verdade é que atopar no medio dunha aldea bastante pequena un sitio onde se moven tantos artistas e tanta cultura non é habitual neste país. É un lugar moi especial; un bar, unha taberna, que está dinamizando a Noe, e que o ano pasado gañou un premio ao mellor local de cultura. A verdade é que é unha marabilla.

 

Continuando con sitios especiais, outro sitio especial para ti é a Casa das Crechas. Que significou para a túa carreira?

A Casa das Crechas é un pouco a miña casa musical. Empecei alí e alí coñecín todos os meus amigos músicos; comecei a traballar con Budiño grazas ás Crechas. A verdade é que lle debo moito. Este ano deixei de ir todos os mércores porque van pasando os anos e hai que deixar espazo a máis xente, ademais de que non me queda moi preto desde Vigo. Sigo tendo concertos con eles fóra do local, coa Banda das Crechas, e é a miña casa artística.

 

Cóntanos: que significan para ti Ugia Pedreira e Eliseo Parra?

Son grandes amigos cos que aprendín moitísimo. Con Ugia Pedreira formei o meu primeiro grupo, Ecléctica Ensemble, e mesmo gravamos un disco en vinilo. Aprendrín moitísimo dela e con ela.

Canto a Eliseo Parra, quen non o coñeza que o escoite xa. Fai un gran traballo sobre o folclore español. Cando decidín gravar o meu primeiro disco chameino para que me axudase e produciu o disco Árnica Pura, que foi un éxito.

 

Agora que xa leva un tempo no mercado, como foi a acollida do Lobos?

A acollida do Lobos foi fantástica e eu penso que foi o meu mellor disco, sen dúbida. É un disco feito con moitísimo amor e moitísimo respecto pola nosa cultura, a cultura galega. Estame dando moitas alegrías, teño moitos concertos, véndense moitos discos e gusta moito. A verdade é que é un disco moi fácil de escoitar.

 

Agora gustaríanos que lle contases á nosa audiencia como son os teus directos e quen te acompaña.

Teño dúas formacións profesionais: unha é a miña banda de Lobos, a máis grande, onde Pedro Dalama participa co saxo e a frauta, Santi Cribeiro co acordeón e Carliños Freire coa batería. Por outra parte, teño bastantes concertos con Pedro Pascual, que é o produtor deste último traballo, Lobos.

 

Que repertorio conteñen eses directos?

Consiste en algúns temas inéditos, nos cales aínda estou traballando, e o repertorio de Lobos, xunto con algún tema doutros discos meus e outros que me gustan.

 

Á parte dos concertos e dos cursos, estás a preparar novos traballos?

A verdade é que cando decides ser artista, ou cando naces, non es capaz de parar na creación e no desenvolvemento de novos temas. Agora mesmo estou pensando nun novo traballo. Non sei como levalo ao formato físico: se nun disco, se nunha performance ou se nun cadro, mais estou pensando en novos temas e xa teño unha idea. Non podo dicir nada, claro… todo iso son sorpresas.

 

Esperamos que vaia todo ben con eses traballos de futuro . Queremos estar informados!

Claro! Eu encantado de falar convosco e de ir até aí, que é unha zona preciosa.

 

Recibirémoste coas portas abertas. Antes de finalizar, a todas as persoas que pasen polo noso programa pedímoslles que nos recomenden media ducia de grandes voces do noso mundo; da música cantada nos países de raíz galega: Brasil, Cabo Verde, Galiza, Portugal…

Arranco! Teñen que ser seis?

 

Os que vexas ti! Seis ou máis, cantos queiras!.

Vou dicindo os meus favoritos. En primeiro lugar, por suposto, Caetano Veloso. Gústame moito tamén Teresa Salgueiro, coa súa formación Madredeus; Cesária Évora toléame… Tamén escoito moito Amália Rodrigues e un grupo brasileiro formado por cinco voces, chamado Tincoãs.

 

Davide Salvado, foi un verdadeiro pracer poder conversar contigo!

O pracer é meu! Sempre é un gusto que estean pendentes da túa obra e do teu criterio.

 

Lémbrate que te recibiremos cos brazos ben abertos cando veñas á Mariña.

Vai abrindo os brazos, porque mañá vou á Mariña.

 

Mañá vés por aquí?

A Ribadeo, claro!

 

Ah, pois si! Certo, certo!

Por certo, despois do curso haberá unha foliada no centro da vila. Para quen se queira achegar, estaremos alí cantando e tocando.

 

Pois xa o saben, amigas e amigos! Davide Salvado, moitas grazas!

Grazas a vós, un bico!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*