P63 – Xiao Berlai cóntanos quen é o Desconhecido.

O Grandes Voces regresa ás vosas radios! E para celebrar un grande regreso, decidimos chamar un grande artista: Xiao Berlai. Había moito tempo que queriamos telo connosco no programa e non desaproveitamos esta oportunidade para falar con el sobre todo: as súas orixes, a xestación de Desconhecido e os seus próximos concertos. Marco Pereira e Edilson Sanches inauguran esta nova temporada cunha entrevista que vai do máis íntimo ao máis fascinante. Non a perdan!

 

Xiao Berlai, moi boa tarde!

Moi boa tarde, Marco. Como vai?

 

Pois de marabilla! Aquí nos estudios, pasando un bo anaco e facendo este programa. Moitísimas grazas por atenderes a nosa chamada e por participar desta entrevista.

Moitísimas grazas a vós.

 

A única certeza que temos sobre Xiao Berlai é que é de Compostela. O resto son todo dúbidas: non sabemos se é mestre, se é autor de banda deseñada ou se é cantor. Agora é o momento de o sabermos. Quen é Xiao Berlai?

Pois Xiao Berlai son eu, encantado! Si, son medio de Compostela, pero tampouco é unha gran certeza porque son da zona de Guntín de Pallares. O que acontece é que vivín bastante tempo en Compostela e agora vivo fóra da cidade, en Rois. Xiao Berlai vén sendo unha mistura do Xiao que son eu, Xiao Somoza, co nome da casa do meu avó de Guntín de Pallares, a casa de Berlai. Trátase dun novo momento da miña traxectoria artística, que tentei mudar un pouquiño co nome porque mudaba tamén o que levaba facendo toda a vida musicalmente. Con esa diferenciación. como os heterónimos de Pessoa, cando me dedico a facer folk chámome Xiao Rodríguez, cando fago cousas no ensino escribo Xiao Somoza e cando fago cousas con Berlai, son Xiao Berlai.

 

Xa que estás no ensino, como é a túa experiencia cos alumnos?

Pois moi ben. Dou aulas de música no ensino secundario e a verdade é que se trata dun traballo súper gratificante. Dei tamén na universidade, en Maxisterio, e a verdade é que o ensino é para min unha cousa importantísima. Tamén o ensino artístico, sobre todo nun estado como o noso onde está nun segundo ou terceiro plano. Ás veces parece máis importante o ensino da relixión que o ensino artístico, por exemplo. Estamos loitando para que os rapaces, máis que ver Historia da Música, estuden música real e aprendan a compor e a tocar cousas doutra xente. Queremos que vivan a arte musical dunha maneira un pouco libre, perdéndolle o medo á dificultade musical. 90% dos rapaces que chegan onda min non saben nada de música e tento simplificárllela de tal xeito que poidan atreverse a tocar xuntos. A partir de aí, moitos alumnos meus acabaron por tocar en bandas e moitos tocan aínda en grupos musicais e vailles moi ben. En Agoraphobia toca a Paula, que foi amiga miña e que se sentou por primeira vez na batería en 2º da ESO sen saber agarrar unhas baquetas. Hoxe é unha unha música profesional e moita outra xente que está a tocar en bandas tamén. A algúns vailles mellor, a outros peor, pero ao final teñen a música como parte da súa vida e eu síntome orgulloso diso.

 

Debo darche os parabéns por todo o traballo que realizas.

Temos uns vídeos, se os queredes ver no YouTube. Son unha especie de videoclips onde escollemos cancións coñecidas, pasámolas ao galego e despois adaptámolas ao noso lugar.

 

Ola Xiao! Eu son o Edilson e teño unha pregunta para facerche. Agora que xa coñecemos o artista, o que queremos saber é o seguinte: quen é o Desconhecido? Cantos temas ten? Onde se gravou? Que contén o disco e que contén o libro?

Desconhecido é unha historia moi persoal. Naceu da historia real dun tío avó meu, un irmán da miña avoa da zona entre Guntín e Portomarín. Chameille Desconhecido porque o Alfonso, que era o nome do meu tío, sempre foi unha persoa descoñecida. Nin sequera nos deixaba entrar na súa casa: viña ás festas e nós iamos ás festas á casa del, pero comíamos na eira, non dentro. Por iso, eu tiña unha relación, non sei se de admiración, pero si de misterio a respecto da súa vida. De aí naceu Desconhecido. Eu o que sabía del era o que me contaban a miña avoa e a miña nai da súa historia; por que decidira vivir como vivía. Despois, cando morreu, puidemos entrar na súa casa. Non daba sinais de vida, fomos por alí e encontramos o seu corpo dentro da casa e máis cousas. Iso é un pouquiño o que conta este DVD. Eu conteino en música primeiro e, de feito, saíu dunha maneira moi orgánica. Nunca busquei cantar e facer temas musicados, xa que viña de Fía na Roca e aí facíamos música instrumental ou baseada en letras de temas tradicionais e populares. O primeiro tema do disco, Quem pudera ter sido?, naceu probabelmente no día da súa morte, no tanatorio e no día que viñemos do seu enterro. Naceu aí, sen máis. Foi un tema que brotou en apenas unha ou dúas horas, foi moi natural. Deixeino aí, non o retomei nin pensei en continuar para diante con Desconhecido,  e uns anos despois atopeime a min mesmo a compor música con letras propia e foi aí cando acabei de deseñar o disco.

Cando xa tiña o disco falei co Ernesto para que fixese unha banda deseñada porque me interesaba e porque hoxe en día é raro que a xente escoite un disco de riba a baixo, dado que hoxe o máis habitual é escoitar temas soltos. Eu, son un romántico dos vinilos e dos discos como unidade estilística. Nun libro de poemas podes poemas soltos, pero está claro que ao final existe unha unidade estilística en toda a obra e está pensado como un todo. A min gústame ver así os discos, e está claro que Desconhecido é así; gustábame o tema da banda deseñada e quería ofrecer unha desculpa ao ouvinte para se sentar e gozar do libro de riba a baixo. Querían que o visen como unha unidade, aínda que tamén se pode escoitar como temas soltos sen relación ningunha e non acontece nada. Quería dar unha desculpa ao ouvinte e dicirlle “séntate e le”.

Foi así como naceu Desconhecido, que xa leva un aniño e dous meses na rúa.

 

Quen forma parte da banda?

Na banda estamos Iago Mourinho, no piano, Pablo Pérez, no baixo, Bruno Couceiro, na batería e eu, guitarra, mandolina e voz. Despois, nos concertos, vamos acompañados polo Ernesto, que vai facendo unhas ilustracións ao vivo relacionadas co que imos contando. Nos concertos que damos en festivais non, pero nos concertos que damos en salas, ou cando estamos nós sós, gústanos facer iso e contar a historia de Desconhecido. No final hai un epílogo diferente, pero queremos contar a historia tal como vén no libro. Aí estamos estes cinco.

 

Xa nos falaches do Ernesto, pero gustaríanos saber un pouquiño máis del. Cóntanos!

Pois Ernesto Torterolo é un home que naceu no Uruguai e que coñecín en Dodro traballando, onde eu continúo, xa que é profesor de debuxo. El está en Pontevedra, que é onde vive. Veu con nove ou dez anos para Mondoñedo, pois a familia tamén era de alí, e séntese un mindoniense máis. A través do traballo que ía facendo, que non era tanto ilustración senón de videoinstalacións e destas cousas, eu no inicio díxenlle se quería facer un álbum ilustrado… unha ou dúas ilustracións para cada canción. Nunca pensamos nunha banda deseñada no principio de todo, polo menos eu. Despois, pouco a pouco, el e eu vimos a necesidade de que houbese un diálogo maior nos materiais e se contasen e contextualizasen as cancións. As súas ilustracións conseguiron moi ben localizar a historia nesa Galiza rururbana onde hoxe vivimos todos. Gústanos situar a historia nun lugar concreto, non nun non-lugar. De aí o noso traballo co Ernesto, que continúa. Saíu ben, gustounos traballar xuntos e xa estamos en novos proxectos.

 

Dis que a música de Berlai é o resultado da fusión de varios estilos. Cóntanos cales son.

Por un lado, eu veño da música tradicional: o que máis fixen na miña vida e o que máis escoitei é música folk. Por outro, non só escoitei iso, hai outras cousas que me gustan: Radiohead, Extremoduro, Albert Pla… De todo iso e de misturar unha sonoridade parecida, nace Berlai. Hai unha unidade estilística, pero é verdade que pasa por diversos momentos e diferentes estilos onde se fusionan todas estas cousas que fun escoitando ao longo da vida. Tamén se debe á necesidade de ir contando a historia da vida dunha persoa e como o final da vida dunha persoa non é algo que pase por un único momento; viaxa por moitos sons e por moitos sentimentos. A música tíñame que valer como un medio que deixase fluír eses sentimentos e esa forma de vivir. Por ese motivo, nunca puxen un cadeado cun único estilo, senón que preferín pasar por distintas cousas. Con todo o tradicional sempre está aí de fondo, como unha muiñeira vella tocada a ritmo de reggae  ou unha pandereitada nun tema máis rockeiro. Nas letras, nas imaxes levadas ao meu terreo. En resumo, necesitaba un personaxe que vivise moito tempo e que pasase por diferentes sentimentos, como foi no caso do Desconhecido, e deixar fluír esa música.

 

A que lugares levastes o Desconhecido?

Estámolo presentando en directo desde o ano pasado nas cidades pequenas e nalgunha vila. En principio este formato de cuarteto máis ilustrador é o que tentamos levar sempre, aínda que ás veces non se pode. Ás veces vou eu só co Ernesto, onde el ilustra e eu levo programacións feitas. Tamén houbo algunha outra combinación de instrumentos. En principio estivemos por Santiago, A Coruña, Ferrol… en varios sitios. Agora imos facer as cidades que nos faltaban: Vigo, Lugo, Pontevedra e volveremos a Santiago, que sempre é interesante. Por ser da cidade, de adopción, sempre hai xente que non puido vir ao primeiro concerto. Funcionou moi ben, estamos moi contentos.

 

Cando serán eses directos?

Temos unha festa arquivada, por unha cousa curiosa que nos aconteceu. O primeiro vai ser en Lugo, no Clavi, o 9 de febreiro. O seguinte vai ser en Melide, o 9 de marzo; despois Vigo… a verdade é que non me lembro ben. Está no Facebook e no noso web, Berlai.com.

 

Xa que estás na fronteira entre a literatura e a música, onde podemos comprar o librodisco? Nas librarías ou nas tendas de discos?

En ambas. Se non está nas librarías é porque se vendeu, xa que ás veces, cando se vende unha cousa, pode que non a teñan se a volven pedir. En principio, chegou a todas as librarías. Hai moitas onde se cadra xa se vendeu, pero se a piden a través do Consorcio Editorial chega a todas as librarías. Nas tendas de música tamén está, xa que estamos con Inquedanzas Sonoras e tamén nas tendas de discos, que cada vez hai menos pero tamén están. Tamén se pode comprar a través do web da editora, Axóuxere, e mesmo no Amazon. Se só queres escoitar a música, está en todas as plataformas dixitais, como Spotify e iTunes. De todas as maneiras, aínda que está ben escoitarnos a través destas plataformas, eu recomendo escoitalo e lelo ao mesmo tempo. Non é necesario, pero dáche outro punto de vista un pouco máis prismático de toda a historia.

 

Moi boa tarde, Xiao. Saúdate Matías desde o control técnico.

Ola, Matías. Que hai?

 

Estamos xa rematando a entrevista, pero fáltanos unha pregunta final, que facemos a todos as persoas que pasan polo noso programa. Pedimos a todas e todos que nos fagan media ducia de recomendacións musicais de grandes voces do noso mundo, é dicir, de música nosa galega ou de música dos países lusófonos. Pode ser música portuguesa, brasileira, angolana, caboverdiana… do que te lembres e o que che guste.

Se comezamos desde aló, do Brasil, gosto moito do Rappa, de Maria Rita, e das intervencións que fixeron xuntos, unha cousa que me encanta. Despois, en Portugal, José Afonso continúa a ser unha referencia moi importante e un dos músicos importantes que máis escoitei, aínda que tamén recomendo encarecidamente Diabo na Cruz. Deles gústame moito o segundo disco, cuxo título non lembro agora, e fun a algún directo deles moi potente, aínda que non teñen moitos. Xa vindo máis preto da nosa casa, temos unha riqueza bestial e boísima. Non sabería exactamente o que suxerir: desde Sés, que penso que non é necesario recomendar, até outras voces como Uxía e Sonia, compañeira de mil batallas. Escoitaba moitísimo Narf, e escoitei a Psicofónica, á cal regreso aínda de vez en cando, a pesar de estar xa un pouco deixada. Outros son Mónica de Nut, compañeira e grandísima artista, e Narci. Son todos moi bos amigos, por outra parte. Tamén recomendo Os d’Abaixo, onde Xacobe unhas voces preciosas e o compañeiro da alma Xosé Ramón fai uns arranxos moi bos.

 

Xiao, foi un verdadeiro pracer conversar contigo. Moitísimas grazas, de novo, por atendernos e por responder ás nosas preguntas.

Moitísimas grazas! Imos ver se en breve andamos por Burela, por Foz ou por aí onde andades.

 

Esperámoste cos brazos abertos!

Moi ben, Marco, unha aperta!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Scroll Up