KATERINA LINKE, SU GARRIDO POMBO E SUSANA BLANCO: SON TRÍO

A compositora Katerina Linke presentounos unha formación musical emerxente: Son Trío. As integrantes son tres músicas profesionais: Su Garrido Pombo (voz), Susana Blanco (Violoncelista) e Katerina Linke (pianista e compositora).

Todo comezou por un anuncio do xornal. Publicitábase un certame para poñerlle músicas a poemas de Rosalía de Castro. Katerina viuno e púxose a facer as composicións. Non só gañou o premio; acabou namorada da obra rosaliana. Inmediatamente despois, púxose á procura das compañeiras intérpretes. Así naceu Son Trío.

Aínda que leva nome alemán, Katerina naceu na Rusia Central e traballou en compañías de teatro en San Petesburgo. Por un acaso, integrouse nunha escola de ballet e marchou un tempo para Tokio. Cando retornou ao país de nacemento, pasou a tocar o piano no tren transiberiano. Á nosa terra chegou atraída por dous amores: o dun galego que coñeceu en San Petesburgo e o do mar que aquí descubriu.

O disco Miña Almiña reúne dez cancións feitas sobre poemas de Rosalía de Castro. Todas elas falan de sentimentos e, máis dun século despois, estes mantéñense intactos no tempo, “porque os sentimentos non perden a cor”.

Como dixo un poeta irlandés, “no disco de Son Trío, a letra e a música están unidas sen costuras”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*