César Morán, protagonista do programa nº 95, adianta no GV que vai editar dous novos discos

"Ámame anarquista" (de Claudio R. Fer) e "Unha canción foi prohibida no sur" (de Cunqueiro) abren e fechan a entrevista

César Morán Trío en Cangas do Morrazo. No centro da imaxe está César; á súa dereita, Pablo (guitarra e baixo…); á súa esquerda, Humberto (percusións varias e viola braguesa).


Ámame anarquista

(Claudio Rodríguez Fer)

Ámame anarquista
freneticamente
mentres desato e ceibo
o pano que che enreda
a cabeleira
e libero o teu peito
xa sen freo
xa sen senso
sempre cara a fronteira
roxa e negra
e violeta
ámame cara a esquerda
cara a cara
cara a noite
cara a ti
sempre cara a ti mesma.

 

Así, coa palabra poética de Claudio Rodríguez Fer, Marco Pereira e Edilson Sanches introduciron o “Deixe falar” con César Morán. A conversa tiña que ser necesariamente rápida, porque os artistas estaban nas probas de son xusto no momento da entrevista realizada en directo, uns minutos antes do concerto a celebrar en Cangas do Morrazo. Mesmo así, comezaron polo principio e tiveron palabras de memória para o grupo coruñés Agra, fundado en 1976 e en activo durante un intenso período de tres anos: “Era un grupo que chamábamos de música libre, que pretendía ir pola liña do jazz prog con raíces“.
Sobre esa base naceron numerosas colaboracións posteriores. Como di César: “levo toda a vida misturando música con poesía, tanto con letras propias como doutros autores”. Alén da participación en recitais con Manuel Rivas ou Pilar Pallarés, no primeiro disco (Rio de son e vento) púxolle música a unha antoloxía da poesía galega contemporánea. Outro tanto fixo no segundo (Haberá primavera), dedicado á figura de Álvaro Cunqueiro e editado con motivo do centenario do nacemento do poeta.
A conversa tamén nos deu unha primicia: César Morán vai editar dous discos. Un deles terá letras propias e o outro será de novo unha antoloxía con temas do mellor da poesía galega, especialmente de Rosalía, Manuel Antonio e Cunqueiro.
No final da entrevista chegou de novo a música. Xustamente esta:

Unha canción foi prohibida no sur
(Álvaro Cunqueiro)

Sob as lonas da jaima cheira a menta.
O frautista pasea tocando a carón dos faróis
aliñados nas alfombras.
A frauta imita paxaros que non hai
namentras a bailarina sae ao meio da tenda
empuxada pólas palmas e as voces
que repiten dez ou cen veces o único verso da canción.
—A bailarina tende as mans pintadas
pra coller primeiro e rexeitar despóis
algo que vai e ven pólo áer.
Da roda ás mulleres sae o berro: sriiií!
O príncipe Beiruc inclínase ofrecéndome un vaso
de té.

—E unha canción do norde, marmuria ao meu
ouvido:

“Muller fermosa, pídeme unha cousa de precio”
dí a letra.
Cando a cantaban nas jaimas do sur
os guerreiros do norde soñaban coas suas mulleres
e fuxían na noite, namorados desertores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Scroll Up