40 anos de traxectoria musical de DOA

Fixemos a celebración con Xoán Piñón e Susana de Lorenzo

                                                                               

En 1978 fórmase na Coruña o grupo Malvís, creado por DOA (Bernardo Martínez, Xoán Piñón e Enrique F. Ferreira) e por Miro Casabella e Xosé Quintas Canella. Todos interesados pola creación literaria, a música e as artes plásticas, escribían, compuñan ou pintaban “en galego” e facíano nun momento en que o habitual era emprender o camiño contrario.

Neste contexto, DOA (trío naquela altura) xúntanse a Miro Casabella, para realizar o seu primeiro proxecto O son da estrela escura. A discográfica Ruada ofrécelles a posibilidade de editar un disco e, co reforzo de  Pere Puértolas (violinista catalán) e Xaquín Blanco (gaiteiro), queda pechada a formación. Era a xénese de O Son da estrela escura, “unha antoloxía de pezas tradicionais e medievais de diferentes épocas e raíces” inspiradas en partituras achadas en diferentes cancioneiros.

Catro décadas despois, un mariñao con raíces transmontanas (Marco Pereira) e un caboverdiano renacido galego (Edilson Sanches) conversaron con Xoán Piñón e Susana de Lorenzo, aproveitando un breve descansiño dentro dunha sesión de ensaio do grupo.

Houbo tempo para a explicación do sentido do nome do grupo e o singular sistema de escolla; para que Xoán evocase primeiro a súa etapa de estudante no colexio dos Maristas na Coruña e dos estudos de  Medicina sen vocación para eles, “simplemente porque quería estudar unha carreira para me defender na vida”, e despois nos levase a Foz e a outras diversas localidades, onde exerceu durante sete anos a profesión médica; e tamén para que nos falase da evolución musical de Doa entre a edición do xa citado Son da estrela escura (1979) e a de A fronda dos cervos (2011).

Pola súa parte, Susana de Lorenzo desvelounos os seus comezos na música rock, a través da influencia do profesor Fernando Balboa, con quen descubriu non só a técnica da voz impostada mais tamén a compatibilidade entre a música tradicional e a moderna. Despois de explicar como foi o proceso de incorporación a Doa, tamén nos fixo partícipes de dúas colaboracións moi especiais: por un lado coa historiadora Rosario Martínez e a musicóloga e pianista Beatriz López-Suevos para a recuperación da obra da compositora Eugenia Osterberger; e por outro con Alejo Amoedo na gravación de pezas históricas como é o caso da primeira transcrición para piano da Cantiga nº 5 de Martin Codax.

Capa de O son da estrela escura, o primeiro disco de Doa (Ruada; 1979). Nel aparecen as cantigas nº 2 e nº 5 de Martin Codax. Esta formación musical foi a segunda no mundo en gravar a música desta figura emblemática da cultura galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*