As Ecuacións musicais de Xoán Curiel

“Actor, músico e cantor”. Con estas tres palabras situounos en contexto Marco Pereira no comezo da entrevista ao Xoán Curiel (Fonsagrada, 1975), vinculado á música desde a infancia, embora os seus primeiros traballos profisionais fosen no teatro. A entrada no conservatorio de música en plena infancia, o período de “deixadez” na adolescencia ou o reenganche coa guitarra ocuparon os primeiros minutos da conversa.
A seguir, o centro de atención pasou para a discografía. Despois das primeiras gravacións de maquetas, Xoán Curiel -coa axuda de Alfonso Camarero- editou Nai (2009), un “traballo intuitivo en que se manifestan as influencias das músicas do mundo, da canción de autor e do espírito do feminino”. Embora fose feito con moitas limitacións, o disco cumpriu o obxectivo: deuno a coñecer no panorama musical e facilitoulle as primeiras xiras por diferentes países do mundo.
Pola súa parte, con Magnético Zen (2011) gañou o premio ao Mellor Álbum en Lingua Galega, dentro da Vª Edición dos Premios da Música Independente, un certame en que colleitou un novo éxito co libro-disco infantil Estamos no verán!!! ao ser nomeado finalista na sexta edición (2014).
Unha boa parte da conversa estivo dedicada ao Ecuacións (o cuarto disco, editado en 2016). e particularmente ao tema que lle dá título, que aparece recollido en dúas versións: unha orixinal e outra cunha versión gravada en São Paulo, como resultado da colaboración co vileiro paulista Júlio Santin.
Os últimos minutos aínda deron para falar da súa participación na película galego-cubana Maimiño e da música de Silvio Rodríguez; das colaboracións co actor italiano Dario Dossena na interpretación da lírica medieval; e da Casa do Terror, o espectáculo dirixido especialmente ao público infantil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*