P72 – Marisol Palomo (Ialma): Queremos pisar pedra!

Ialma
© Lieve Boussauw

Esta semana, quixemos falar coas embaixadoras musicais da Galiza na capital europea: as Ialma. Marisol Palomo estivo connosco para falar connosco da boa acollida que está a ter o seu último disco e dos proxectos que están no forno. As Ialma séntense orgullosas do traballo que realizan levando a música galega a todo o mundo, aínda que adoran “pisar pedra” e querían ter tantos concertos no país como teñen polo mundo afora. Estes 18 anos xa deron moitos froitos e gardan na memoria momentos sorprendentes, como a actuación en Taiwan perante 10.000 persoas ou a súa viaxe ao Canadá. No Grandes Voces estamos impacientes por escoitar os próximos traballos, especialmente despois dos pequenos petiscos que a Marisol nos ofrece nesta nova entrevista dos nosos locutores Marco Pereira e Edilson Sanches.

 

Marisol Palomo, moi boa tarde!

Moi boa tarde!

 

É un grandísimo pracer poder falar contigo.

É sempre un pracer poder estar en contacto con Galiza.

 

Como está o ambiente por Bruxelas?

Penso que seguimos na nosa estratexia de loita, como mulleres galegas que reivindican a súa memoria, a súa historia. Facemos moitos proxectos nas escolas e viaxamos moitísimo.

 

Ialma é un grupo de música formado por cinco mulleres estabelecidas en Bruxelas. Comezaron como grupo de pandereiteiras e neste momento, con 18 anos de traxectoria, teñen cinco discos editados. Para sabermos máis sobre as súas orixes, a súa evolución e as novidades para o futuro inmediato, estamos en conversa cunha das súas integrantes, Marisol Palomo.

Cinco mulleres de orixe galega; onde están as orixes?

Verónica e Natalia son de Lugo, de Pardiñas, aínda que naceron aquí en Bruxelas, como todas nós. Eu son do Muíño da Varcia, en Betanzos, e agora entrou no grupo a nosa filla en substitución dunha antiga integrante asturiana que tivo que deixalo. Xa ten 25 anos e sempre cantou e estivo á nosa beira, por tanto coñece todas as nosas cancións. Finalmente, temos a Nuria, que se foi hai dous anos para o Xapón por razóns de traballo e que está ausente desde entón. Facemos todas as cancións entre as catro cantareiras, xunto con dous músicos belgas que nos acompañan na nosa formación actual. Temos un proxecto desde hai dous anos chamado Camiño de Bruxelas a Santiago e o luns imos facer unha festa nunha escola porque vai ser o noso concerto número 200 a través do mundo e a través das escolas.

 

Como se encontraron as vosas familias?

Acontece como en todas as emigracións. Encontrámonos no Centro Galego, despois formamos un grupo de baile, e posteriormente chegou Carlos, que dixo que debíamos acompañar o baile con canto. Decidimos aceptar o desafío hai máis de vinte anos e comezamos. Evidentemente, cando había festa nas casas sempre cantabamos coas familias. Naquela altura, grupos do universo folk como Fuxan os Ventos estaban a viaxar polo mundo e nós comezamos a facer recolleitas en Galiza durante as vacacións, visitando señoras de idade en lugares como Laxoso e coñecendo grupos como Leilía, Xurxo Fernandes e Quique Peón, ou mesmo Mercedes, que nos axudaron moito a continuar con este proxecto. Agora, co disco de Camiño, o que tentamos é escribir a nosa propia letra e compor a música, respectando as melodías tradicionais. Penso que é un paso máis, dado que agora podemos expresar nos textos o que xa contabamos ao falar.

 

Alén da música, a que vos dedicades?

Cada un ten o seu traballo. Eu levo varias producións de salas de concertos e o Brosella, un festival de folk e jazz onde tentamos que participen tamén os nosos grupos. Verónica dedícase exclusivamente ao canto e a dar clases nas escolas de música, algo que tamén fai a miña filla. Aquí nas escolas non existe a clase de Música, como tal, senón que se denomina Despertar Musical e consiste nunha iniciación que ten como obxectivo transmitir ese gusto pola musicalidade e conseguir que vaian a academias e que practiquen os ritmos. Natalia é a que máis difícil o ten, dado que é profesora nunha escola e temos que coordinar datas para actuar durante as vacacións e nas fins de semana. É necesario aprender a combinar as dúas cousas.

Ialma é un presente para nós e conseguimos crear unha conexión coa xente e con outros músicos que funciona cada vez mellor. Pensamos que é un regreso ás orixes, ao esencial da música: non é un formato grande, somos catro cantareiras e dous músicos, mais hai unha forza no escenario que a xente sente.

 

Eu, que veño de Cabo Verde, cando lin a información sobre o grupo sentinme moi identificado. Rapidamente estabelecín unha conexión entre vós en Bruxelas e as nosas Batuko Tabanka ou as Moreninhas en Burela. Como vos xuntades?

Xuntámonos un día por semana, ensaiamos, tentamos escoitar novos temas e novas letras. Temos un proxecto cunha artista coñecida como “a Pasionaria” italiana, Lucilla Galeazzi, e ves que no fundo, mesmo con orixes diferentes, a historia é a mesma: a historia das mulleres, a historia da emigración. Os ritmos e os sentidos parécense moito e a fusión pode funcionar moi ben, aínda que existen diferenzas entre as tarantellas e as muiñeiras. Este proxecto, chamado Aleghrìa e Libertà, vai nacer no mes de outubro e xa temos actuacións programadas. Para o ano que vén tamén temos outro proxecto, Galeuscat, con músicos galegos, cataláns e vascos. Queremos xuntar ritmos diferentes das culturas consideradas “minoritarias”, aínda que nós consideramos que sería máis adecuado dicir “minorizadas”, xa que se fala moitísimo galego e aínda máis se consideramos o portugués. A nosa lingua e a nosa música teñen moitísima forza e pretendemos dala a coñecer polo mundo.

 

Marisol, un saúdo desde o control técnico; fala Matías. Queremos retrotraernos aos comezos: como vos xuntastes as compoñentes do grupo por vez primeira?

Foi no Centro Galego. Cando íamos para  a emigración, por medio dos pais, o que tentabamos era xuntarnos todos a través do Centro Galego. Hoxe en día é diferente porque as novas xeracións non senten esa necesidade, pois van máis á casa e  trátase dunha emigración “de pasaxe”. Tentan traballar un pouco e despois viaxan, non é como o noso caso en que nacemos aquí e permanecemos 20, 30 ou 50 anos. O grupo naceu alí e, mais tarde, unha casa discográfica viunos actuar e animounos a gravar un disco. No momento en que a Verónica foi a Eurovisión con Urban Trad produciuse un boom para a nosa música, cando se escoitou pola primeira vez unha gaita galega neste concurso.

 

Participaches desde o comezo en todos os traballos discográficos. Fálanos deles, onde os gravastes?

Todos na Bélxica, aínda que no quinto disco fomos a Galiza gravar un coro. Cada disco é diferente; o primeiro é moi a cappella,  un cantar de pandereiteira moi nasal; despois imos camiñando cada vez máis para a música de cantautor, con composicións e textos propios. Quen ten os cinco discos pode pasalo moi ben, porque é unha evolución moi seria e moi bonita. Ora ben, o que mellor funciona polo mundo é este quinto traballo, porque pensabamos que estabamos a facer algo máis íntimo e persoal, mais finalmente reparamos en que interesa a moitísima xente porque se recoñece na nosa música e na nosa historia. Eu conto a historia dunha nena que fala coa avoa e pregunta cousas: por que se foi, con quen se foi, onde ficou o avó… A avoa responde, da mesma maneira que a miña avoa me respondía cando eu era pequena. Penso que cando vén xente, tanto galega como non galega, identifícase na historia das inmigracións. Bruxelas é iso, unha multicultural onde no tranvía se falan 15 ou 20 linguas. Galiza ten moi boa acollida polo mundo e, de feito, vimos da Suíza, onde o público das montañas se animaba a cantar connosco o ailalá. É bonito, penso que temos unha boa conexión coa xente.

 

Nós queremos darvos os parabéns por eses éxitos que estades a ter.

Si, de feito o incríbel é que o imos levar por moitos países, mais en Galiza temos unicamente unha actuación na Coruña, no Castelo, día 7 de xullo. Se queredes ver Ialma é excepcional porque vai ser o único concerto do verán. É unha pena, pois nós pensamos que pisar pedra é importante. Sempre iamos a Santiago, ao Dezaseis, e xuntabámonos con músicos porque é importante poder transmitir e coñecer a reacción dos galegos ao traballo que facemos. Quero realizar desde aquí un chamamento a festivais e á nosa xente: que nos chamen, que un avión de Bruxelas a Santiago agora non é tanto.

 

A verdade é que non!

É unha alegría falar convosco e queremos mandar un biquiño para todos os galegos que teñen xente na emigración, que somos moitos, e agradecer o traballo que estades a facer vós, de seguir e dar a coñecer a nosa música e os nosos artistas. Cada vez hai menos sitio para a música tradicional e para o folk, mais penso que todo vai dar unha volta e volveremos ás cousas esenciais, que nos fan falta.

 

Pois si, a verdade é que si! Chámannos moito a atención catro referencias que vinculades convosco. A ver se nos explicas estes vínculos: por que o Dezaseis?

Porque cando chegamos ao aeroporto sentimos que temos que pisar pedra. Ás veces, na Bélxica, falamos moito francés entre nós sen repararmos niso. No Dezaseis sabemos que nos imos encontrar con Uxía, con Guadi, co Xabier Díaz e con outros artistas que están a defender o noso; é punto de encontro dos artistas. De noite imos ás Crechas e despois a outros bares onde nos encontramos con outros músicos. A primeira conexión co país, antes da familia, son os músicos, que tamén son a nosa familia. Posteriormente cada unha vai encontrarse cos seus e, máis tarde, xuntámonos para facer recolleitas.

 

Carlos Blanco.

Carlos Blanco é unha amizade moi profunda, estivo connosco en Bruxelas. É unha persoa para quen as dúbidas e os problemas non existen, o mundo é Galiza enteira para el. Cada cousa que di é bonita e temos unha conexión moi forte co Carlos. Non nos podemos ver sempre que queremos, mais ese vínculo está aí e colaborou connosco no cuarto traballo. «Nenas, continuade con forza, que sodes un 4×4», dicía. É un artista de riba a baixo.

 

Xavier Queipo.

Xavier Queipo é o noso artista en Bruxelas. Escribiu un tema para nós e tamén varios textos. É o noso profesor de lingua: nacemos aquí e non temos estudos en galego. Cando falamos con el é todo fermoso; fala con poesía. Alén diso, está a ter un recoñecemento incríbel. Está nunha asociación de poetas do mundo enteiro aquí e os poemas del son traducidos a moitas linguas. Ter en Bruxelas un escritor desa calidade é para nós un presente.

 

O obradoiro de Seivane.

A nosa relación co obradoiro de Seivane é como a de todos os galegos no mundo: a primeira gaita que temos é deles. El estivo na emigración e xa o coñecemos da súa etapa en Barcelona. Cando Susana tiña 6 ou 7 anos xuntabámonos con ela para tocar e cantar. A casa de Seivane é unha daquelas por onde non podes pasar sen parar para tomar un viño, por tanto cando imos á Coruña temos que ir velo, visitar o obradoiro, tocar as madeiras e coñecer as ideas novas que ten.

 

Xa tendes actuado en moitos lugares do mundo. Cales son os mais especiais?

O máis especial foi en Taiwán, un festival onde había 10.000 persoas á nosa fronte e un cartel moi grande con nenas do país e un texto que dicía, en galego, “Ialma, querémosvos”. Foi o máis impresionante e cando acabamos dixéronnos que as nosas voces lles recordaban os cantos das señoras de idade.

Marrocos tamén foi impresionante: cantamos un ailalá e fixemos un refrán en árabe no tema galego. Tentamos crear vínculos co país facendo unha estrofa na lingua local, como forma de agradecemento, e para eles foi impresionante.

Outro dos concertos importantes foi Canadá, onde os festivais son moi diferentes. A xente vén cunha colcha, séntase no chan, e despois hai carpas onde se realizan intercambios cos músicos. Fomos con africanos do Cimbabue e intercambiamos bailes e percusións de maneira improvisada, aínda que a xente pensaba que non. Os ritmos galegos pódense mesturar cos de calquera país.

Finalmente, foi un pracer coñecer os cantos da Córsega e cantar con A Filetta, un grupo do país que fai un traballo fantástico.

 

Antes de finalizar a entrevista, aínda temos unha última pregunta. Queremos media ducia de suxestións musicais de voces do noso mundo.

Hai unha cantora e baixista que debía coñecer a nosa xente: Manou Gallo, da Costa de Marfil. Vive aquí en Bruxelas e é unha artista incríbel. Está recoñecida como a décima mellor baixista do mundo, mais canta de forma extraordinaria.

A nosa Uxía italiana sería Lucilla Galeazzi, unha grande cantora e loitadora, cunha voz sensacional e un traballo de recolleita musical importante. Cando comezamos, díxonos: nenas, como mulleres, ides pasar por moitas situacións complicadas no mundo, mais o único que pode salvar o voso traballo é nunca parar de cantar. Penso que tiña razón; poden acontecer moitas cousas na vida, mais no escenario esquecemos todo.

Outra referencia sería unha cantora árabe chamada Leila Amezian, que realiza un traballo de transmisión cultural moi lindo.

 

E do mundo galego?

Son moitos. Xente que estivo sempre connosco son os de Radio Cos, Xurxo e Quique, que viñeron á Bélxica, viviron na nosa casa e realizaron intercambios connosco. Obviamente, Leilía é unha referencia para todas, xa que comezamos aprendendo cancións delas e continúan con forza. Por outra parte, están Xabier Díaz e moita xente nova como Os d’Abaixo, cun traballo moi bonito. Como cantautora, Mercedes Peón, cunha dimensión e unha visión que van alén da nosa música e que realiza un grande traballo. Temos moitísima variedade e todos comezamos coa pandeireta na man.

Finalmente, teño que dicir que a nosa forza tamén está en Uxía: unha muller que loita moitísimo e que ten unha dozura excepcional na súa voz, e Guadi Galego. Podería mencionar moitos outros porque temos moi bos artistas en Galiza. Queremos que continúen a actuar no país, mais tamén que poidan ir polo mundo como nós, dado que penso que algo que caracteriza os galegos é a capacidade que temos para crear vínculos con outras culturas.

 

Marisol, foi un grandísimo pracer poder conversar contigo. Moitísimas grazas.

Son eu quen agradece!

 

Moitos éxitos con este quinto álbum e cos que veñan no futuro.

Esperámosvos no día 7 de xullo pola noite na provincia da Coruña. Esperamos ver toda a nosa xente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*